O PP reclama un plan anual de mantemento das marxes fluviais de Santiago para evitar inundacións

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

CEDIDA

Afirma que o Concello «ignora de forma consciente aos veciños afectados» por desbordamentos

06 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O PP reclamou onte ao goberno local un plan anual de mantemento das canles dos ríos que garanta a limpeza da maleza e das árbores caídas nas ribeiras co fin de evitar incidentes e inundacións. Segundo o concelleiro José Ramón de la Fuente, non hai máis que darse un paseo polas ribeiras do Sar ou do Sarela para comprobar a gran cantidade de maleza e árbores caídas que actúan «como tapón que impide o curso natural da auga do río e provoca en certos puntos acumulacións de grande cantidade de auga que acaba asolagando a contorna máis cercana, o que afecta a fincas e prados e, moitas veces, incluso a vivendas e construcións adxacentes».

«Os propietarios das fincas lindeiras manifestan o seu descontento ante o desleixo por parte do BNG, que ve como se atopan estes lugares e nada fan para evitar os importantes danos que provoca a falta de mantemento», sinala o popular, quen sostén que o goberno «ignora de forma consciente aos veciños afectados», porque «ten coñecemento directo». O que descoñece o PP, di, é se «non actúan por pura incapacidade, como noutras parcelas de xestión municipal, ou non o fan porque o seu catecismo verde prioriza o feísmo paisaxístico por riba do benestar dos veciños».

O popular cuestiona que o bipartito non teña un plan, «e menos un criterio uniforme», que permita prever e anticiparse a estas incidencias e pregúntase se a súa promesa electoral de renaturalizar os ríos e mellorar o estado da vexetación de ribeira «era isto, deixar que a maleza invada o río e deixar que podreza».