Acondicionan a contorna do estadio de Santiago tras retirar 70 toneladas de materiais

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Cedida

Na chaira de San Lázaro, Vías e Obras asfaltou as zonas do firme máis deterioradas

27 mares 2024 . Actualizado ás 17:27 h.

Setenta toneladas de terra e de diversos tipos de materiais acumulados durante décadas sacaron da contorna do Estadio Vero Boquete de San Lázaro, nunha operación de limpeza e acondicionamento realizada en toda a zona, sobre todo no aparcadoiro, operarios de distintos departamentos municipais e de empresas concesionarias de servizos.

O concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, explicou que se realizou unha intervención coordinada de limpeza de superficie, de redes de saneamento, de roza de vexetación, adecuación do pavimento, retirada de grava e substitución de papeleiras de cincuenta litros nos bancales do estadio. Esta intervención complementarase coa reposición de muros e a reparación de varandas e beirarrúas.

Na chaira do estadio, Vías e Obras asfaltou as zonas do firme máis deterioradas e elaborouse un estudo de necesidades para futuras actuacións. Ademais, con retiraranse os chopos que comprometen os muros de contención.

O concelleiro destacou «boa coordinación desta intervención, organizada de xeito transversal entre distintos servizos municipais» e agradeceu a todo o persoal que participou «para conseguir esta limpeza na contorna do estadio de San Lázaro, un espazo moi concorrido que agora está en mellores condicións para a veciñanza».