Denuncian problemas de convivencia no IES do Milladoiro

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Docentes, sindicatos e familias participan nunha protesta este luns na entrada do instituto

16 mares 2024 . Actualizado ás 13:59 h.

Docentes do IES do Milladoiro e representantes sindicais de distintas siglas convocaron para o luns unha protesta para denunciar que no centro, cunha matrícula de máis de 550 menores entre 12 e 18 anos de idade, existe «un clima contrario á convivencia que prexudica a toda a comunidade educativa, pero, fundamentalmente, ao alumnado».

«As familias e os traballadores e traballadoras do IES do Milladoiro pedimos unha solución para conseguir recuperar o normal desenvolvemento da actividade educativa, para preservar o dereito do persoal docente e non docente a exercer o seu labor profesional en condicións dignas, así coma o dereito de todas as alumnas e alumnos do noso centro a unha educación inclusiva, libre e en paz», sinalan os convocantes. Previamente á convocatoria desta protesta, o Anpa do centro celebrou unha concorrida reunión informativa para analizar os problemas do centro, que parte das familias e parte do cadro docente vinculan con problemas de convivencia, fundamentalmente en aulas de segundo curso de ESO, que impiden ao profesorado desenvolver o seu labor docente, unha problemática, reiteran, á que non é allea a dirección do instituto nin a Consellería de Educación. O Anpa sinala que non participa como tal na protesta nin é un dos colectivos convocantes, polo que as familias que asistan farano a título individual, A asociación tamén confirma que este martes, día 19, manterán unha reunión co inspector responsable do centro e co xefe territorial do servizo. A convocatoria da protesta coincide coa celebración da Feira das Profesións para alumnado dos dous últimos cursos de ESO e bacharelato.