Case un centenar de quilómetros para pescar troitas en Santiago e a súa área

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

As licenzas para a inminente tempada suman máis de 4.400 na zona

10 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Todo está listo para o inicio, o vindeiro domingo, da tempada de pesca nos ríos galegos: a normativa da Consellería de Medio Ambiente que regula a práctica do deporte na comunidade está publicada; as canles fluviais, a rebordar de auga; e os pescadores, con moitas ganas, despois de máis de sete meses —cando concluíu a pasada campaña— coa cana a recado. E hai afección. Os vinte e sete concellos distribuídos nas comarcas de Santiago, Ordes, Arzúa, Melide, O Sar e A Barcala repártense 4.421 licenzas de pesca, de acordo cos datos facilitados pola Consellería de Medio Ambiente. Os veciños co correspondente carné dispoñen en todo ese territorio de moitas opcións para pescar ata o 31 de xullo, que será cando finalice a tempada. De hoxe nunha semana, unha decena de cotos de pesca estarán dispoñibles en Santiago e a súa área de influencia para a captura de troitas. Suman noventa e cinco quilómetros nas canles fluviais do territorio.

O máis extenso é o do río Xallas, de 9,9 quilómetros, en Santa Comba, onde tamén hai 2 quilómetros acoutados para pescar no río Abuín. Séguelle en extensión, o tramo de 9,2 quilómetros autorizado para practicar o deporte nas augas do río Iso, en Arzúa. E de 9 quilómetros é o coto da Ponte Maceira, no río Tambre, ao seu paso por Ames, Negreira e A Baña, que ten, ademais, a peculiaridade de ser o único da provincia autorizado para a pesca intensiva. Significa iso que o número máximo de permisos para pescar é de 75 os días nos que está permitido practicar o deporte, fronte aos 6 establecidos para a maioría dos restantes cotos de pesca. A excepcional obedece a que o río Tambre no coto da Ponte Maceira nútrese tamén da solta de troitas de piscifactoría.

Novo tramo en Furelos

Explícao Xabier Pazo. É presidente da asociación de pescadores que en Melide adopta o nome do coto de pesca da comarca: o do río Furelos. Son 8,3 quilómetros que se estenden por Toques e pola capital comarcal, e aos que para a inminente tempada de pesca súmanse 8 quilómetros de canle fluvial que, xa por Santiso , desembocan no río Ulla. Medio Ambiente vedounos en 2019 tras unha vertedura desde o polígono industrial da Madanela que causou a mortaldade de máis de 10.000 troitas.

Doutra banda, o río Tambre tamén deixa o identificado como coto de pesca de Sigüeiro, con 8,4 quilómetros no Pino, Oroso e Santiago, e un tramo de 2,4 quilómetros que discorren polo municipio da capital e polo metropolitano. Así mesmo, hai espazo reservado para pescar en Santiago e Trazo, con 7,9 quilómetros no identificado como coto de pesca de Chaián, e 8,5 quilómetros, tamén para a captura de troitas, no coto de Ponche Castro, que comparte Boimorto con Vilasantar e Mesía.

Os pescadores das comarcas da Barcala e O Sar tampouco teñen que afastarse de casa para ir pescar. O coto de Negreira dispón dun tramo acoutado de 8,3 quilómetros no río Barcala, e un de 0,9 quilómetros na canle fluvial de Albariña. O coto de Rois está distribuído en tres tramos de 5,5 quilómetros, 1 e 3,2 quilómetros nos ríos Rois, Baleirón ou Liñares, e no regacho de Buxán. E na capital comarcal, Padrón, hai dous tramos do río Sar acoutados para pescar, pero o de 4,2 quilómetros que comparte con Rois é para a captura de reo —a tempada, neste caso, non empeza ata maio— e o tramo de 2,5 quilómetros de río ao seu paso tamén por Dodro están reservados para a pesca sen morte. Esta modalidade de captura e solta é obrigatoria na totalidade dos cotos o xoves, salvo que se día festivo, e no coto de Rois amplíase aos martes. Ademais, os luns está prohibido pescar en calquera dos cotos.

Recursos no Ulla

Ao virar a esquina, os afeccionados á pesca de Santiago e a súa área de influencia tamén dispoñen de diferentes cotos no río Ulla, con tramos para a captura de troitas en Touro e Boqueixón. Ademais, na canle fluvial asociada á provincia de Pontevedra hai tramos para a pesca sen morte en Teo, Vedra e Padrón.

Sen permisos ata xuño nos cotos de Melide e de Santa Comba  

As expectativas para a tempada de pesca que dá comezo o vindeiro domingo son boas entre os afeccionados a este deporte fluvial tan arraigado. O presidente da Asociación Troiteiros de Río Furelos, Xabier Pazo, lembra que a choiva favorece o caudal dos ríos, que é, como di, «abundante». É esa razón de peso máis que suficiente para indicar que «a tempada, a priori, preséntase boa. Despois —engade—xa se verá». Da pericia, e da sorte tamén, do pescador dependerá se as troitas pican ou non, pero, de entrada, «de novembro a febreiro, criaron ben», indica Pazo.

Fala, sobre todo, do río que máis coñece: o Furelos, onde o colectivo que preside xa realizou os traballos de posta a punto do coto de pesca, coa renovación dos correspondente sinais, a limpeza dos accesos e a reparación das pasarelas de madeira existentes para cruzalo. Sexa por esas tarefas de mantemento, porque a canle fluvial de Melide, Toques e Santiso é «río troiteiro»un , ou por ambas as circunstancias, pero os permisos para pescar nel non só se esgotaron para o primeiro día de pesca. Vendéronse para todo o mes de marzo e para abril, tal e como comproba Xabier Pazo na web temática habilitada pola Consellería de Medio Ambiente. Tampouco quedan permisos para pescar ata xuño no coto de Santa Comba. E en ningún dos restantes, para capturar troitas o primeiro día da tempada. Os cotos con menos demanda son nos que só está permitida a pesca sen morte.