O Obradoiro está a unha vitoria de igualar ao histórico OAR de Ferrol

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O equipo da capital galega disputou ata o momento 481 partidos na máxima categoría, sumando 168 vitorias e contabilizando 313 derrotas

29 feb 2024 . Actualizado ás 21:41 h.

O Obradoiro visita este domingo ao Bàsquet Xirona coa intención de remontar o voo e afastarse dos dous postos de descenso que ocupan o Palencia (dúas vitorias menos) e o Breogán (igualado a seis triunfos cos composteláns e o Granada). Por amais de todos eles, Xirona e Andorra, cun balance de 8-14. Por iso, o choque no pavillón xerundense de Fontajau é de vital importancia. Ten un valor dobre ao tratarse de dous conxuntos que pelexan polo mesmo obxectivo.

A traxectoria de Obra e Xirona é moi parecida nos meses máis recentes. O colectivo de Moncho Fernández acumula sete derrotas consecutivas: Murcia (79-87), Barça (92-90), Selecta (77-74), Tenerife (86-97), Baskonia (89-79), Gran Canaria (72-81) e Unicaja Málaga (78-90).

O conxunto catalán vai polo mesmo camiño e cunha inercia similar. Só logrou unha vitoria (Selecta, 80-61) nos seus últimos dez compromisos, tamén cun pésimo refacho de sete desgustos seguidos: Manresa (101-87), Joventut Badalona (67-82), Bilbao Basket (80-74), Baskonia (85-93), Zaragoza (81-74), Palencia (84-86), Breogán (93-75), Real Madrid (92-79) e Andorra (93-66).

No duelo de Xirona, o Obradoiro podería colocarse a un triunfo dos cataláns que adestra o grego Fotis Katsikaris, obxectivo prioritario, e igualar na clasificación histórica da ACB a outro conxunto galego, o desaparecido OAR Ferrol. Os departamentais acadaron 169 vitorias no seu dez campañas na elite.

O Obra necesitou máis tempo para chegar a esta cifra. Os da capital galega, que cumpren xa quince cursos na máxima categoría, disputaron ata o momento 481 encontros. Se os santiagueses logran un ano máis a permanencia entrarán no top 20 da ACB, superando os 496 partidos que xogou o Granollers.

O líder galego

O conxunto galego con máis soleira na elite é o Breogán, que acumula 21 participacións, 884 encontros e 332 vitorias. Detrás de Obradoiro e OAR, pero coas mesmas campañas entre os grandes que os ferroláns, está o Ourense, que xogou 10 cursos e 383 partidos no cume, sumando 143 triunfos.

O Obradoiro logrou o seu primeiro ascenso á División de Honra o 25 de abril de 1982, en Mataró, tras gañarlle aos locais por 86-89. O soño só durou unha tempada, ata que nos tribunais se conseguiu regresar á elite tras case 20 anos de batallas xudiciais. En xuño do 2009, e dúas décadas despois do polémico play off, o Obradoiro era equipo de ACB para o curso 2009-2010. Entre os heroes daquel primeiro ascenso na historia do Obra estaban José Antonio Gil (28 puntos na gran final de Mataró), Mario Iglesias (25 puntos), Alberto Abalde, Popocho Modrego, Echarri e os técnicos Pepe Casal e Julio Bernárdez.

Na ACB, agora Liga Endesa, só tres equipos disputaron máis de dous mil partidos. Trátase de Real Madrid (2.262), Barcelona (2.249) e Joventut de Badalona (2.105). O top 5 complétano o Estudantes madrileño (1.991), hoxe líder na LEB Ouro e pelexando por regresar á elite, e o Baskonia (1.827).

Pasaron os mil encontros no cume seis equipos máis: Manresa, Unicaja Málaga, Valencia Basket, Gran Canaria, que están na Liga Endesa, Real Betis e Valladolid , que compiten na LEB Ouro. Os únicos cinco equipos na historia da competición que superaron as mil vitorias foron Real Madrid (1.784), Barcelona (1.655), Joventut (1.276), Baskonia (1.078) e Estudantes (1.020).

O OAR Ferrol

O OAR Ferrol, siglas de Organización Atlética Recreativa, foi fundado en 1951. Desapareceu en 1996 despois de escribir grandes páxinas para o deporte galego. Militou durante dez tempadas na ACB e durante a presidencia de Juan Fernández obtivo os seus maiores éxitos. Mesmo, logrou a clasificación en varias ocasións para disputar unha competición europea. No curso 93-94, por motivos económicos, perdeu a categoría, o que provocou a súa desaparición definitiva en 1996.

O Breogán

Por diante dos ferroláns, no histórico da ACB, atópase o Breogán de Lugo, fundado en 1966. No exercicio 84-85 xogou por primeira vez na ACB, na que permaneceu ata a 86-87. Descendeu e regresou pronto, tras un curso na Primeira División B, para consolidarse durante sete campañas na elite, da 88-89 á 94-95. Volve competir durante outros sete campionatos na cima, do 1999-2000 ao 2005-2006. Subiu e baixou na 2018-19 e agora cumpre o seu terceiro curso consecutivo, xa cun total de 21, na ACB.

Club Ourense Baloncesto

O cuarto equipo galego no histórico da ACB, moi preto de Obra e OAR Ferrol, é o Club Ourense Baloncesto, fundado en 1979 e que ascendeu por primeira vez á máxima categoría do baloncesto español en 1989. Estivo dez campañas entre os grandes, nove delas de forma consecutiva, desde a 89-90 á 97-98. Descendeu e regresou durante un curso (2000-2001) á elite. Leva 23 anos sen estar entre os mellores. Na actualidade milita na LEB Ouro.

O Bosco Coruña

O quinto equipo galego que militou na ACB, mesmo antes de chamarse así, foi o Bosco coruñés, o primeiro da historia en acceder á elite, fazaña que festexou en maio de 1968. O Bosco naceu en 1960 e desapareceu en 1988. Xogou un ano na elite e enfrontouse ao Real Madrid campión de Luyk, Emiliano e Carmelo Cabrera. O Bosco competiu o ano sen estranxeiro. Máis nada que gañou seis partidos e empatou un. Foi pechacancelas.

GALEGOS NA ACB

5 EQUIPOS NA ELITE

Equipos                   Tempadas ACB    PJ     PG   PE   PP

* 13. Breogán                                   21   884   332   1     551

21. Obradoiro                                 15    481  168    0    313

24. OAR Ferrol                                 10    428  169   3     256

29. CB Ourense                                10    383  143   0     240

78. Bosco Coruña                              1      22      6    1      15

* Posto que ocupan no ránking histórico da ACB, categoría na que militaron un total de 79 equipos, antes cando era Primeira División e agora coa denominación de Liga Endesa.