As cordas de Sandarche sumáronse ao concerto benéfico en favor de Ucraína

La Voz

SANTIAGO

Paco Rodríguez

Xunto aos músicos estivo a narradora Soledad Felloza, que se encargou de recitar varios poemas e textos de autores ucraínos traducidos ao español; así como Irina Gruia, que dirixiu a gala

26 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Auditorio Abanca acolleu onte o concerto benéfico para conmemorar o segundo aniversario da invasión rusa de Ucraína . Fíxoo co protagonismo de Sandarche , que actuou en formato orquestra de corda grazas á colaboración de varios músicos da Real Filharmonía de Galicia. Xunto a eles estivo a narradora Soledad Felloza, que se encargou de recitar varios poemas e textos de autores ucraínos traducidos ao español; así como Irina Gruia, que dirixiu a gala.

Cun público que se envorcou co pobo e os refuxiados ucraínos, os artistas tocaron as pezas Melodía, de Myroslav Skoryk; Adagio para cordas, de Samuel Barber; Oración para Ucraína, de Valentin Silvestrov; Serenata para cordas primeiro movemento, de Antonin Dvorak e Edward Elgar; e Abrázame, arranxo de Manuel Veiga dunha peza de Svyatoslav Vakarchuk. De organizar a velada encargáronse AGA Ucraína, Compostela Solidaria e o Ateneo de Santiago. Na entrada do auditorio non faltou a venda de bandeiras ucraínas, así como a recollida de donativos. O recadado destinarase á compra de audífonos para as vítimas da guerra que perderon audición polos bombardeos.

Entre o público non faltou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, así como o seu predecesor no cargo e agora senador, Xosé Sánchez Bugallo. Por parte do Partido Popular estivo Yolanda Otero Balsa. Todos puideron gozar da excelencia musical de Sandarche, proxecto que naceu na aula de pediatría do Hospital Clínico de Santiago e que nunca falla á hora de tender a súa man solidaria.