Negreira celebrou un desfile de entroido histórico pola súa elevada participación

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

SANTIAGO

O espectáculo resultou moi animado a pesar da choiva, débil pero persistente

24 feb 2024 . Actualizado ás 23:16 h.

Negreira viviu un desfile de histórico, entroido pola súa alta participación, pero pasado por auga. Quince comparsas coas súas correspondentes carrozas e, sete grupos, ademais de oito individuais e parellas, chegados dos máis variados lugares de Galicia como Salceda de Caselas, Tomiño, Boiro, Fisterra, Cee, Porto do Son, Santiago e por suposto Negreira, desafiaron a unha choiva débil pero persistente. O desfile fora aprazado por mal tempo o pasado sábado de entroido .

O xurado do concurso non o tivo doado polo alto nivel que demostraron as comparsas. Os dous premios gordos de mil euros cada un, recaeron, o de comparsas, en Fantasía Notre Dame, da comparsa Ciklón, de Tomiño, e o de carrozas foi para Os Remolóns, de Vilagarcía de Arousa, coa denominada Hai que ganduxar para carne sen ósos. Os segundos en comparsas foron Talismán Fantasía Tropical (cun premio de 500 euros), de Salceda de Caselas; o terceiro para Nicradance (200 euros) e o cuarto correspondeu a Entre flores anda ou conto, de Boiro. En carrozas, o segundo galardón levoullo Ciklón, cunha dotación de 500 euros, e o terceiro foi para Talismán. O cuarto premio recaeu en Viva México.

En grupos, The Cranachan Ordes Band foi o gañador, coa súa temática de escoceses (premio de 200 euros), seguidos de Fantasía Oriental, de Santiago (150 euros), e Os Piratiñas, de Negreira. En grupos locais: Charros e chilanos, de Negreira Viva, foi o gañador, con 200 euros, mentres Peta, peta pandeireta foron segundos e Mineiros no tempo, terceiros. En individuais e parellas, o gañador foi Preto de lonxitude, de Vimianzo .