O PSOE insta o bipartito a negociar novas rutas aéreas para compensar o forte recorte anunciado por Ryanair

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

Sindo Guinarte reclama a convocatoria do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia

22 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Nunha das súas primeiras aparicións públicas desde as eleccións de maio do ano pasado, Sindo Guinarte, o exconcelleiro de Turismo do último goberno do socialista Xosé Sánchez Bugallo, abandeirou onte no Pazo de Raxoi unha iniciativa, en forma de moción dirixida no próximo pleno ao bipartito á fronte do Concello compostelán, para urxirlle que negocie coas compañas aéreas novas rutas desde o aeroporto Rosalía de Castro ante o retroceso previsto por Ryanair, que se cifra en 400.000 prazas menos, reducindo de 25 a 20 conexións directas, sobre todo internacionais, para a tempada de verán que arrinca en abril.

Guinarte instou o executivo local a levar a cabo, a través da empresa municipal Incolsa, accións específicas para que as compañas aéreas que poidan estar interesadas coñezan as vantaxes da terminal compostelá, así como a traballar con elas para a posta en marcha de novas rutas e conexións directas. Guinarte botou a vista atrás para lembrar que o aeroporto de Santiago «leva, ou levaba» varios anos de crecemento continuo ata superar os tres millóns de pasaxeiros, cunha cota de case o 65 % do movemento total das terminais galegas, e que foi dos que mellor se recuperou, de toda a rede de AENA, da crise da pandemia de covid.

O grupo municipal socialista tamén reclama a convocatoria do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, no que participan todas as administracións implicadas e que ten, entre as súas funcións, canalizar as actuacións relacionadas coa promoción do transporte aéreo. Propón instar a AENA a levar a cabo un plan de mercadotecnia específica para potenciar Lavacolla como referencia aeroportuaria de Galicia.

Tras ser preguntado pola súa valoración da xestión turística e aeroportuaria do goberno que preside Goretti Sanmartín, Sindo Guinarte subliñou a preocupación polo recorte de voos de Ryanair, que se sumaría ao xa realizado na tempada de inverno. «Á marxe das declaracións da concelleira responsable en Fitur sobre uns posibles contactos con novas aeroliñas, non hai moito que valorar», dixo o concelleiro. «Os datos que se auguran lamentablemente non son bos e nos deixan insatisfeitos», sentenciou.