Santiago, destino «fráxil» a respectar

r.m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A cidade entende que chegou o momento de apostar por un turismo sostible, e retoma, para facerse ver en Fitur, a campaña «Compostela é fráxil», lanzada o pasado verán para invitar a gozala con respecto

27 ene 2024 . Actualizado á 05:00 h.

R. M. TEXTO

Santiago chega este ano a Fitur coa intención de deixar clara a súa aposta por un novo modelo turístico. A nacionalista Goretti Sanmartín levaba reclamándoo de forma insistente nos últimos anos, e, agora que está a cargo da cidade, nun goberno compartido con Compostela Aberta, entende que chegou o momento de abordalo. Asume que «non será rápido nin sinxelo», pero a súa aposta está en promover un turismo de calidade, responsable e sostible que alixeire tensións no uso da cidade e que permita aos visitantes gozala nunha «convivencia harmónica» cos propios residentes.

A rexedora defende que é o momento de abordar esa transformación, cando a cidade está consolidada como destino. «Santiago é un destino moi maduro e moi consolidado», dicía esta semana na presentación da participación da capital galega na Feira Internacional de Turismo de Madrid. «Este é o momento de levar a cabo unha transformación importante para que o noso destino turístico non se desvirtúe, como sucedeu con outros que se acomodaron e non foron capaces de adiantarse a situacións de turistificación e masificación», defende.

A aposta polo cambio está no discurso, pero manifestouse claramente tamén no modelo elixido para a presentación da cidade en Fitur. Lonxe dos formatos clásicos, Compostela prescindiu das súas imaxes máis icónicas e reconocibles para facerse visible na feira madrileña cunha montaxe baseada en caixas de embalaxe de cartón identificadas co seu nome e a súa condición de patrimonio da humanidade, pero tamén coa advertencia, en varios idiomas, de que garda un produto fráxil. É a esencia da campaña «Compostela é fráxil» que o Concello despregou o verán pasado na cidade e en albergues do Camino para dar a benvida aos seus visitantes, pero para lembrarlles, ao mesmo tempo, que a preservación do seu patrimonio depende tamén deles, da súa forma de gozar e respectar a cidade. E de respectar a calidade de vida dos seus residentes.

A campaña, que xurdiu tras os desmáns que se viñan producindo no uso da praza do Obradoiro e a súa contorna, e en tramos máis urbanos do Camino, neste caso molestias acústicas, deu pé á elaboración dun decálogo de boas prácticas. E do decálogo saíu o vídeo de animación que Sanmartín presentou en Fitur xunto coa súa concelleira de Turismo, Míriam Louzao, cunha ducia de consellos para a boa convivencia. «Compostela é fráxil» unifica esa aposta polo turismo respectuoso, sostible e consciente que pretende o goberno local, o coidado que require Compostela e a convivencia cos seus veciños. «Tes o dereito a gozar del e a obriga de coidalo», reza, en alusión ao seu patrimonio histórico, unha lenda impresa nesas caixas de embalaxe que chaman a atención no posto que Santiago ten no pavillón de Galicia.

A capital manterá varios encontros nesta cita internacional co turismo. Con distintos operadores e tamén co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do que é socia fundadora e que presidirá desde xullo. Entre esas reunións, tamén terá contactos para tratar de mellorar frecuencias das conexións aéreas actuais da cidade, aínda que aspira a negociar novos roteiros. Austria e Italia están no seu foco, aínda que agora mesmo «non estamos traballando tanto por un destino concreto, senón afianzando as rutas actuais», di Louzao.

Sandra Alonso

Xenerais da Ulla, patrimonio e riqueza verde, aposta segura

O entroido que comparten concellos da Coruña e Pontevedra compite en tradición e arraigamento coas citas ourensás de referencia

 

O Entroido dá Ulla conseguiu no ano 2013 o seu recoñecemento como festa de interese turístico de Galicia, converténdose no único entroido tradicional que comparten concellos da provincia da Coruña (Teo, Boqueixón, Santiago, Vedra, Touro) e Pontevedra (Silleda e Vila de Cruzamentos) ao formar a comarca xeográfica ao redor do Ulla.

Cunha orixe que cabalga entre as batallas das tropas francesas coa poboación da zona a principios do século XIX e a revolución de 1846 cos seus cruentos enfrontamentos, os uniformes do exército transformáronse en vistosos traxes, que non disfraces, que dan vida e exclusividade ás figuras dos Xenerais da Ulla, que, acompañados de correos e coros de lanuxes (adultos) e bonitos (nenos), percorren as parroquias dos sete municipios lanzando vivas (homenaxes á veciñanza de cada parroquia) e tamén atranques (batallas dialécticas cargadas de retranca e actualidade). Todas estas particularidades permiten a este entroido mirar de ti a ti ao entroido ourensán, considerado a festa galega da transgresión por excelencia, compartindo así protagonismo na súa presentación en Fitur.

O atractivo turístico desta festa, con datas moi concretas no calendario, combina, na área de Compostela e as súas comarcas limítrofes, con propostas de lecer e goce válidas durante os 365 días do ano, que tamén acudiron a Fitur para promocionarse entre potenciais visitantes de todo o mundo. A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é unha delas. Oferta un percorrido peonil ou ciclista polo antigo trazado da vía férrea entre Sigüeiro e Cerceda, un tramo que a medio prazo enlazará con Santiago, ampliando así un itinerario adaptado para o turismo familiar e tamén deportivo.

O patrimonio fluvial, baixo o título Augas de Ordes, tamén estivo presente en Fitur, onde a comarca se presentou como xeodestino e publicitou unha web con roteiros guiados a través dos municipios que a integran, e cun vídeo realizado por César Gómez, de CG Producións.

O turismo en terras de Compostela non se entende sen o Camiño, a principal imaxe de Galicia, un paraugas que aproveitan concellos como Padrón para divulgar o éxito do roteiro da Pedronía, con máis de 20.000 credenciais polo itinerario desde Santiago ata Padrón.