Arrincan en Fontiñas as obras previas para construír a senda entre a estación intermodal de Santiago e San Caetano

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O trazado forma parte do proxecto que enlazará O Milladoiro co complexo administrativo, cun investimento de case 12 millóns de euros

21 ene 2024 . Actualizado ás 23:48 h.

As máquinas comezaron a traballar esta semana nunha parcela anexa a rotonda do Vieiro, que comunica o barrio de Fontiñas co Multiusos Fontes do Sar e que se alagou en varias ocasións nos últimos meses coincidindo con episodios de choivas intensas. Eses traballos, competencia da Xunta, corresponden ao acondicionamento do terreo para instalar aí as casetas de obra para construír a nova senda peonil e ciclista que conectará a estación intermodal co complexo administrativo de San Caetano.

A previsión de Infraestruturas é que eses traballos poidan comezar na semana entrante, unha vez que se resolvan os permisos para as conexións de luz e auga. As obras desa nova senda arrincarán nese mesmo punto da rotonda, coa adecuación do tramo entre o paso inferior baixo a SC-20 e as vías do tren e a rúa Fontes do Sar. O proxecto do itinerario peonil e ciclista foi adxudicado en setembro pasado por 2,24 millóns de euros á UTE Ogmios-Bcnor e conta cun prazo de execución de 15 meses. Esta actuación forma parte da creación do trazado que conectará O Milladoiro co Clínico, a intermodal e San Caetano, onde a reurbanización de Rodríguez de Viguri incorporou un tramo máis ata As Cancelas. Serán en total case 13 quilómetros de percorrido que suporán un investimento de preto de 12 millóns.

Estas actuacións, cun trazado que a Xunta resalta que está acordado co Concello, son impulsadas no marco do programa europeo dos fondos Next Generation.

Aparcadoiro provisional

Unha vez que finalicen as obras da nova senda e retírense as casetas desa parcela xunto á rotonda de Fontiñas, o Concello de Santiago ten intención de habilitar un aparcadoiro nese terreo de uso dotacional, xa que está situada xunto á escola infantil e á ludoteca do barrio. Segundo explicou o concelleiro Xesús Domínguez será unha zona de estacionamento con carácter provisional, nunha área onde existe unha gran demanda asociada principalmente á actividade do Multiusos —sobre todo, nos días de partido do Obradoiro— e tamén de persoas que teñen o seu lugar de traballo nesa zona, próxima tamén a Área Central e á Escola Galega de Administración Pública (EGAP).