A Deputación financia accións do Centro de Investigacións Feministas da USC

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

O organismo provincial achega 35.000 euros para as actividades do Cifex

29 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A deputada de Cultura da Deputación coruñesa, Natividad González, asinou un convenio co reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, para a colaboración entre ambas as institucións na programación de actividades do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas (Cifex), cunha subvención do organismo provincial de 35.000 euros, o 70 % do importe total do proxecto.

O Cifex céntrase na investigación interdisciplinaria, docencia, formación e asesoramento en cuestións específicas referidas ás relacións de xénero en Galicia. A súa programación de actividades con impacto social, científico e político, promove as políticas de igualdade e de educacion inclusiva a través de formacións específicas, congresos científicos, simposios e seminarios, de alcance nacional e internacional. A colaboración co centro enmárcase no compromiso da Deputación de apoiar a actividade de organismos e entidades que traballan pola igualdade de xénero, como, neste caso, o ámbito académico.