A Alameda de Santiago reuniu un mundo de sabores latinoamericanos

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Colectivos de migrantes preparan outra cita máis reivindicativa para o 12 de outubro

10 sep 2023 . Actualizado ás 21:50 h.

A Alameda converteuse hoxe domingo de novo nun gran espazo de convivencia e encontro intercultural a través da gastronomía e a música. Ese é o obxectivo da iniciativa da Asociación Plataforma polo Emprego e o Foro de Inmigración co Festival Intercultural, procurar o contacto entre os migrantes latinoamericanos, pero tamén cos composteláns, que cada vez se achegan máis a esta cita para compartir e saborear os seus pratos, neste caso, os de Colombia, Perú, Paraguai, Ecuador, Venezuela, República Dominicana e Senegal, que tamén se sumou a unha celebración pola que pasou moito público, ademais da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e María Rozas.

A cita (a novena) está máis que consolidada, pero a gastronomía abre fronteiras todos os anos coa renovación dos pratos que se ofrecen para degustar. En Colombia tiran da súa riqueza culinaria para intentar sorprender en cada ocasión, nunha cita que os migrantes latinoamericanos toman xa como un punto de encontro. Un punto desde o que agradecen a acollida, como fixo Soledad Lucero, da organización, na súa intervención, pero desde o que tamén se reivindican. «Grazas pola acollida, pero nós queremos sumar sempre, traendo e aproveitando todo o que como persoas temos. Ningunha persoa é ilegal», dixo, en alusión ao lema da campaña que están a promover para o 12 de outubro, unha data «non para celebrar, senón para reivindicar», segundo Diana Escobar, outra das organizadoras. Pero a de onte foi unha xornada para celebrar e para seguir formando «rede» entre quen están lonxe do seu fogar. Unha xornada para «unir» e para que os composteláns «vexan a Latinoamérica como é, alegría, festa e gastronomía rica», di José Antonio Varela, un mozo santiagués casado cunha colombiana.