Os hostaleiros cren que as eleccións do 23J non afectarán á ocupación turística en Santiago

Margarita Mosteiro Miguel
m. mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A maior demanda estranxeira ese mes, as festas e o voto por correo limitan o risco

04 jun 2023 . Actualizado á 05:00 h.

A convocatoria de eleccións xerais en pleno mes de xullo, o día 23, na contorna das festas do Apóstolo, non preocupa expresamente no sector hostaleiro compostelán. As asociacións que o representan non temen efectos na porcentaxe de ocupación cando xullo é un mes con gran presenza de turismo estranxeiro e cando esa semana, precisamente, rexistra niveis do cento por cento en moitos hoteis. José Liñares, dos establecementos Costa Vella, Altair e Moure, apunta que se algún efecto tivese «non iría máis aló dunha porcentaxe residual que supoño será ocupado por outros viaxeiros». O Costa Vella, avanza, «está farto e todo con estranxeiros. A eles non lles afecta». «Quizá os hoteis con turismo nacional veranse máis afectados», expón Liñares, aínda que o presidente da Asociación Hostalería Compostela, Thor Rodríguez, entende que, de haber cancelacións por ese motivo, serán igualmente residuais, porque «as vacacións de verán non funcionan como nas pontes. O descanso de verán prepárase con tempo. Non se reserva no último momento».

Rodríguez coincide en que en xullo o turismo estranxeiro é algo máis alto, ademais de apuntar a opción do voto por correo para quen teña pensado saír. «O máis probable é que se incremente para evitar ir ao centro de votación e creo que máis ben haberá menos votos que menos turismo», di, convencido tamén de que calquera anulación restituirase enseguida. «Hai hoteis da nosa asociación que están ao 100%, e se teñen unha cancelación hai tempo para encher», sinalou, lembrando que nas eleccións galegas do 2020 «non se notou caída de reservas pola cita coas urnas».

Luisa Lorenzo, da Unión Hoteleira de Santiago, afirma que «por agora non se percibe nada. Producíronse algunhas cancelacións, que son normais nesta época, pero de clientes estranxeiros». De momento, confirma, os turistas nacionais non realizaron cancelacións coincidindo coa convocatoria electoral. Desde a cadea Alda Hotels observan igualmente que esa cita «vai ter unha influencia ou afectación mínima ou case nula nas reservas hoteleiras». Ademais de que prima o turismo estranxeiro, «aquelas persoas que xa teñan programadas as súas vacacións para esa quincena de xullo, na que se inclúen as festas do Apóstolo, teñen a opción do voto por correo». E lembran que «xa no ano 2016 houbo eleccións en período estival, o 26 de xuño, e a afectación foi nula», mentres que na cita galega do 2020 foi a pandemia o que condicionou os niveis de ocupación, non as urnas.

En cambio, Lois Lopes, da asociación Hostalaría.gal, non descarta que a convocatoria electoral si se note. «Afectará, non sei en que medida a xente vai optar por seguir os seus plans ou quedar para votar», di. E considere que «un dato non desprezable é a xente que implican as campañas. Hai que estar expectantes».

Tampouco descarta Thor Rodríguez que a xornada electoral si teña o seu efecto sobre os visitantes de proximidade que se achegan á cidade durante as festas. «Podería afectar algo máis os excursionistas», aínda que «non debería ser representativo». Nese caso percibiríao máis o sector da restauración, aínda que tampouco sería moito porque eses son días de gran demanda para o sector, sobre todo no centro histórico.