Borja Golán, o mellor xogador español de squash da historia, confirma a súa retirada

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

En abril do 2014 chegou a ocupar o quinto posto no ránking mundial

11 may 2023 . Actualizado ás 20:00 h.

Borja Golán cumpriu corenta anos o día de Reis. Con dez empezou a practicar o squash. Aos dezaoito deu o salto ao circuíto profesional e despois de vinte e dous anos ao máis alto nivel decidiu pór fin á súa etapa como xogador en activo. Así o confirmou a través das redes sociais.

Retírase o mellor xogador español de squash da historia, o que durante dúas décadas exerceu un dominio incontestable nesta modalidade deportiva. Entre o 2002 e o 2019 non perdeu ningún partido na chamada pel de touro. Conquistou dezasete campionatos nacionais e só se lle escapou un porque non puido participar, debido a unha lesión. Aínda engadiu outro cordón.

Atrás quedan tamén as súas participacións en torneos internacionais nos que se relacionou cos mellores xogadores do mundo, en Nova York, en Toronto, en Halifax, en Catar, en Hong Kong e un longo etcétera de prazas. En abril do 2014 chegou a ocupar o quinto posto no ránking mundial. Disputou o seu último torneo en novembro. En decembro tivo que parar, por unhas molestias nun xeonllo, e aí empezou a ver xa que chegaba un momento que viña aprazando desde facía tempo, o da retirada. Deixou pasar uns meses antes de anuncialo, porque non é doado pór o punto e final.

Agora terá máis tempo para dedicar á súa familia, sobre todo ás súas fillas, que tiveron a oportunidade de velo xogar e gañar. E seguirá vinculado ao deporte que vén ocupando a súa vida desde os dez anos, agora desde unha perspectiva docente, ensinando aos máis novos todas as reviravoltas do squash.