Máis de 300 deportistas participarán na décima edición do Cidade de Santiago de ciclocrós

LA VOZ SANTIAGO

SANTIAGO

cedida

A proba será en San Lázaro, o domingo de 8.00 a 16.00 horas

22 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

San Lázaro acollerá este domingo, de 8.00 a 16.00 horas, a décima edición do ciclocrós Cidade de Santiago, que presentaron a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. O evento, «unha cita xa clásica na cidade», como indicou Pedrosa, é a cuarta xornada puntuable autonómica da Copa Galicia de ciclocrós, tamén puntuable para a Copa de España. Está organizado polo Club Ciclista Compostelán, en colaboración co Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Ciclismo.

Celebrarase no exterior do estadio de San Lázaro, nunha superficie de 15.000 metros cadrados, ademais dunha zona de aparcadoiro, a oficina permanente e a zona dos equipos. Os máis de 300 participantes abarcan un rango de idade dos 14 aos 69 anos, sendo o rango máis numeroso o de 35 a 49. Vinte dos participantes atópanse entre os 50 e os 69 anos. Os deportistas proveñen das catro provincias galegas, de España e Portugal.

A organización lembra que o ciclocrós é unha disciplina ciclista nada a principios do século XX, que consiste en realizar un determinado número de voltas a un circuíto con tramos de asfalto, camiños, prados e terreos enlamados, cunha serie de obstáculos (naturais ou artificiais) que deben obrigar ao corredor a baixar da bicicleta para sortealos. Debido ás súas características dispútase unicamente no outono e inverno. A tempada profesional en Galicia é de setembro a febreiro.