A nova concesión do bus en Santiago rebaixará o acceso gratis dos pensionistas e subirá un 25% o billete ordinario

r. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Despois dunha década coas  tarifas conxeladas, a viaxe custará 1,25 euros, 0,25 máis

06 jul 2021 . Actualizado á 22:11 h.

A nova concesión do transporte urbano, prevista para o segundo trimestre do 2022, traerá cambios importantes. Non só na prestación do servizo, senón tamén nas tarifas e nas condicións de acceso do colectivo maioritario de usuarios, os pensionistas (maiores de 65 anos), aos que se lles acabará a gratuidade total. Con 720 viaxes de balde dispoñibles ao ano, estes teñen asegurado o acceso sen desembolso ningún pola súa banda. Pero iso mudará en diante.

Os custos da nova concesión, o impacto desa gratuidade nas arcas municipais e o progresivo envellecemento da poboación levaron a revisar a política da gratuidade total, aínda que se manterá certo grao de bonificación. Ese colectivo gozará en diante de cen viaxes gratuítas ao ano e dunha tarifa de 0,50 euros unha vez consumidos aqueles, o que supón unha redución do 60% sobre o custo do billete ordinario. Do prezo que se prevé para entón, porque o actual está en 1 euro.

Si manterán a gratuidade actual aqueles composteláns que acrediten carencia de recursos, un grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e os acompañantes de persoas con mobilidade reducida. Tamén seguirán a custo cero os transbordos ordinarios e escolar do servizo (no prazo dunha hora) e desde o transporte metropolitano .

A nova concesión implicará tamén un incremento das tarifas pola prestación do servizo. Un 25% máis para o billete ordinario con respecto ao actual, segundo a estrutura de custos derivada do estudo de viabilidade económica encargado polo Concello e que Raxoi fixo público para coñecemento do mercado. Cos prezos conxelados desde hai unha década -a última actualización foi no 2010-, o incremento será xeneralizado para todas as modalidades de billete. Os demais incluso superarán o 25% do ordinario: entre o 36 e o 46% para o billete escolar, o bono escolar e o bono ordinario.

Máis difícil é de calcular a subida do bono mensual. Cun custo agora de 26 euros, esta modalidade permite viaxar sen límite durante trinta días naturais a partir da súa compra. A estrutura tarifaria vinculada ao devandito estudo parece acoutar ese acceso ilimitado ao servizo durante ese período, porque fixa o custo por billete en 0,69 euros (con IVE), apenas 20 céntimos máis económico que o bono ordinario.

Tarifas para o aeroporto

O servizo expreso ao aeroporto volverá ter tarifa diferenciada. Desde que se incorporou ao transporte urbano, costa o mesmo que acceder a calquera outra liña (1 euro o billete ordinario, fronte aos 3 de ida e 5,10 de ida e volta de cando había conexión directa). Na nova concesión exponse de novo unha tarifa diferenciada, posiblemente vinculado o establecemento dun servizo lanzadeira, o que aseguraría unha conexión máis áxil con Lavacolla e remataría cos problemas de ocupación que están a deixar en terra a usuarios residentes ao longo do trazado entre a cidade e o aeroporto.

A proposta tarifaria para a conexión co aeródromo elévase aos 6 euros para a viaxe de ida e a 10 para ida e volta, cun incremento do 100 e o 96%, respectivamente, sobre os prezos do anterior servizo lanzadeira. Considérase que o 80% dos usuarios desa liña farán uso do billete de ida e volta.

O servizo prevé recuperar no 2024 o nivel de usuarios previo á pandemia

O transporte urbano movía antes da pandemia ao redor de 7,5 millóns de pasaxeiros ao ano (7.578.505 no 2019). E non se prevé acadalos (e superalos) ata o 2024, despois da caída do 47,33% no 2019 polo confinamento e as limitacións de capacidade posteriores. O que si se aventura é unha recuperación acelerada de usuarios durante o actual semestre, para acabar o ano con preto de os seis millóns e rozar de novo os 7,5 no 2022.

Os maiores de 65 anos son tamén os seus maiores usuarios: o 34% no 2020. Non se prevé que esa porcentaxe cambie nin este ano nin nos dous próximos, pese ao progresivo envellecemento da poboación e a que ese colectivo ten un acceso máis limitado a recursos alternativos de transporte. E é que se calcula que a perda da gratuidade total retraerá inicialmente a súa demanda. Con todo, ese sector non só manterá o seu peso relativo ata o 2023, senón que a partir do 2024 comezará a crecer, ata acadar o 42,5% de todo a pasaxe no 2033, segundo o estudo no que se basea a estrutura de prezos para a nova concesión. O 2033 é o horizonte temporal para o novo contrato.