Lavacolla inicia a recuperación dos seus voos exteriores co de Ámsterdam

S. Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Vueling renova hoxe a ruta holandesa e o domingo recuperará a de París

12 may 2021 . Actualizado ás 20:12 h.

As aeroliñas operarán durante a xornada de hoxe sete voos no aeroporto de Santiago. É unha actividade lixeiramente superior á que vén rexistrando o Rosalía de Castro nas últimas semanas, lastrada aínda polo repregamento de conexións derivado das restricións á mobilidade pola pandemia. Pero o panel de voos do día inclúe unha novidade que avanza a reactivación ao longo deste mes -con maior intensidade na segunda quincena- do tráfico internacional na terminal compostelá. Trátase da ligazón directa con Ámsterdam, unha ruta que Vueling recupera con cinco servizos semanais. Ademais dos luns, operará os mércores, venres, sábados e domingos.

Esta nova conexión reforza unha oferta exterior que ata agora estaba limitada aos voos de EasyJet con Xenebra e Basilea, e serve de aperitivo á progresiva incorporación de novos destinos europeos nos próximos días. O seguinte en retornar ao panel de Lavacolla chegará tamén da man de Vueling. É a conexión con París (Orly), que a aeroliña catalá renovará odomingo , en principio, coa previsión dunha ligazón semanal. No caso de Ámsterdam, Vueling está a despachar billetes na súa páxina web a partir de 167 euros a viaxe de ida e volta coa tarifa máis económica. E a conexión con París rolda os 105 euros, tamén para traxectos de ida e volta desde Santiago e coa tarifa básica.

Tras os principais voos exteriores de Vueling regresarán á programación do Rosalía de Castro os de Ryanair. A ligazón con Londres (Stansted) comezará a operar o próximo día 17. A low cost irlandesa iniciará esa conexión directa con dúas frecuencias semanais: os luns e venres. Aínda que a aeroliña ten previsto reforzar os seus servizos nesa ruta desde a primeira semana de xuño, cando pasará a catro enlaces: luns, mércores, venres e domingos. En todo caso, Ryanair terá competencia este verán na ruta londiniense, que Santiago ofrecerá por duplicado grazas ao retorno da ligazón de EasyJet coa terminal de Gatwick. Comezará a operar o 3 de xullo con catro voos semanais: luns, mércores, venres e sábados. Estas dúas conexións de EasyJet e Ryanair serán as únicas do verán entre Galicia e a capital británica.

Antes deses voos con Londres, regresará o de Milán (Bérgamo), que Ryanair volverá operar o próximo día 21 con dúas frecuencias semanais: os venres e domingos. Neste caso, a compaña non prevé un incremento de servizos nos meses centrais do verán. Xa a partir do 1 de xuño, a aeroliña irlandesa tamén renovará a ruta de Frankfurt (Hahn), con servizos directos desde Santiago todos os martes e sábados.

Máis aló da programación exterior, o Rosalía de Castro verá incrementado o seu tráfico nas próximas semanas cun reforzo dos voos domésticos marcado pola aposta das aeroliñas polas illas, con novas ligazóns a Eivissa (Ryanair e Vueling), Menorca (Ryanair, Vueling e Volotea), Forteventura (Ryanair) e Gran Canaria (Vueling).

Novo fracaso coa ligazón de TAP a Lisboa

A que ía ser a novidade máis atractiva da tempada de verán do 2020, a conexión de TAP con Lisboa, non chegou a despegar pola pandemia. Tampouco o fixo a finais de marzo pasado, como a compaña anunciou despois. E non o fará o próximo 1 de xuño, que era a última data comprometida. As limitacións derivadas da loita contra o coronavirus seguen xustificando novos axustes sobre a marcha, que non permiten asegurar que o último calendario establecido pola aeroliña portuguesa vaia a ser o definitivo. A estrea desa ligazón directa coa capital lusa queda agora marcado para o 31 de outubro, segundo recolle Aeronoticiario SCQ. TAP renuncia así á conexión galega con Lisboa para este verán e sitúa o inicio das operacións xusto no arranque da próxima tempada de inverno.

Iso si, o novo axuste chega acompañado da volta á previsión de dúas ligazóns diarias en cada sentido, co que a compaña retoma a súa planificación inicial tras a previsión de rebaixalos a un só. Deste xeito, Galicia recuperará o voo directo con Lisboa tres anos despois de que TAP decidise cancelar as ligazóns desde A Coruña e Vigo. Os billetes están á venda no portal de Internet da aeroliña a un prezo que rolda os 100 euros para a viaxe de ida e volta na tarifa máis económica.