As claves da inquedanza dos mozos por falta de socialización

Por Sonia Portela

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

María Vázquez trata a inquedanza xerada por asumir máis responsabilidade debido ao covid

06 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

As secuelas do longo ano de restricións na mobilidade para frear o coronavirus están detrás de moitas das consultas que recibe María Vázquez Rey  no seu gabinete de Psicoloxía e Logopedia de Cacheiras (Teo). «Non son só adultos, hai moitos mozos, nenos e adolescentes con inquedanza e estrés. Incrementouse a inseguridade persoal, e é que a situación que estamos a vivir fai que afloren medos», apunta. Un dos grupos máis afectados, e do «que non se fala o suficiente», é o dos preadolescentes e adolescentes, porque «o illamento lles chega no peor momento do seu desenvolvemento persoal». As frases que todos os que teñen ou tiveron un adolescente preto están fartos de escoitar, «agora fanse máis crúas. O clásico "non me entende" cobra agora máis sentido para eles. Neste segundo trimestre do curso, os preadolescentes de 13 e 14 anos que están a chegar á consulta fano por inquedanza. Curiosamente, non queren que os seus amigos saiban que acoden ao psicólogo». María Vázquez cre que se fala moito da situación que están sufrindo os maiores como consecuencia do illamento, pero non podemos esquecer que os adolescentes están a se perder socializar, e este proceso ten o seu momento concreto. Hai que estar vixiantes para que non queden secuelas de cara ao futuro». Nestes meses, nos que a socialización, «indispensable para o seu desenvolvemento persoal, está a facerse por medio das redes sociais, hai que estar atentos. Os que teñen dificultadas para relacionarse, serán os máis afectados. As redes sociais convértense no único refuxio, e isto pode ser un problema». Os adultos tamén sofren secuelas como consecuencias do longo confinamento, e así xorden «casos de persoas que explotan porque meteron na súa mochila responsabilidades alleas. É fundamental que todos entendamos ata onde chega a nosa responsabilidade para non asumir cuestións que se escapan da nosa capacidade de resposta». María tamén presta os seus servizos nunha residencia de Teo, «onde non tivemos covid». No traballo cos maiores, destaca o dano que o illamento causou neles. «Aqueles que estaban nas primeiras fases das demencias sufriron avances. O perdido non se recuperará, e hai que esforzarse por estabilizarlles». A psicóloga recoñece que foi «duro para eles non ver ás súas familias. Non o entenden, e só creen que lles abandonaron, e enfádanse cando os ven. É moi duro para as familias, que senten unha culpa da que non son responsables». María Vázquez recomenda «pedir axuda dos especialistas, porque conseguimos que descubran habilidades para afrontar esta situación».

As alegrías de Feitizo

Ao mal tempo boa cara. Esta é a filosofía coa que na cafetería e centro de lecer infantil Feitizo de Ordes afrontan esta nova realidade, xa que no máis duro do confinamento optaron por levar os seus produtos aos fogares dos clientes aos que adoitaban atender nos seus establecementos. A idea de Patricia Noya segue cultivando éxitos, sobre todo tras a recente e inusual Semana Santa, na que conseguiron moitos sorrisos de non poucos nenos que recibiron na porta das súas casa os agasallos de Pascua que tradicionalmente obsequian padriños e madriñas e que este ano tiñan un valor extra ante a falta de bicos e abrazos que tardarán uns cantos meses en chegar. 

Sandra Alonso

O peregrino da carretilla

Hai peregrinacións e peregrinacións. Como a de Miguel García, poucas ou ningunha. Onte culminou no Obradoiro o seu percorrido polo Camiño de Santiago empurrando unha carretilla cargada con produtos alaveses, chacolí, embutidos, paté, sal..., unha ampla variedade de manxares e viños da súa terra cos que ofrecía degustacións para promocionalos, ou mesmo facía intercambios, como na pulpería Ezequiel, de Melide , porque como se ía volver a Murguía sen probar un bo polbo? Miguel, «o tío da carretilla», como se fai chamar, completou o Camiño en catro partes: comezou no 2018 e rematou onte, tras saír o día 1 desde Sarria. Asegura que a acollida foi «fabulosa» e xa pensa en repetir.