O presuposto do Concello sobe a 125 millóns este ano, o 7% máis

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Crecerá o investimento o 17,5% a pesar de que se reducirán os ingresos tributarios

31 ene 2021 . Actualizado á 00:47 h.

Vinte e catro horas antes do pleno que hoxe debaterá o estado do municipio, o goberno local entregou aos grupos da oposición o anteproxecto de presuposto do Concello para este ano, que ascende a 125,2 millóns de euros, e presentou publicamente as súas liñas xerais. Abre agora un período de negociación, así como de participación e achegas, coa vista posta no 25 de febreiro para levar a pleno estas contas, sen que esta sexa unha data pechada, xa que «se vemos avances ou posibilidades de acordo con outras formacións políticas, axustaremos o calendario». Se non, o executivo local tomará as «determinacións que correspondan para responder ás nosas propias responsabilidades», dixo Sánchez Bugallo como aviso a navegantes en velada alusión á posibilidade de vincular a aprobación do presuposto a unha cuestión de confianza en caso de non conseguir os apoios necesarios.

A concelleira de Facenda, Marta Abal, debullou cifras moi resumidas e destacou o incremento de 8,2 millóns sobre o presuposto do 2020 (este foi de 116,9 millóns), que recae sobre todo no capítulo de investimentos, que chegará a 18,1 millóns, dos que 16,8 son directas do Concello e 1,3 mediante transferencias de capital. Este incremento investidor, do 17,47% respecto ao 2020, é posible, explicou a edila, grazas á suspensión das regras fiscais de estabilidade, o que permite acudir ao endebedamento por amais do autorizado en anteriores exercicios pola Lei Montoro. O investimento crecerá ata 22,6 millóns cos 4,5 do remanente orzamentario do 2019 aprobado o mes pasado, e aínda podería aumentar máis, apuntou o alcalde, coa liquidación das contas do 2020. As principais actuacións en infraestruturas e equipamentos que levarán a cabo son as previstas no programa Smartiago, cun investimento municipal de 2,5 millóns de euros; o mantemento de vías urbanas, con 1,5 millóns; e a selaxe da entulleira de Aríns, con 1,2.

En canto aos gastos, a participación nos ingresos do Estado, sobre todo o Fondo Complementario de Financiamento, permitirá ao Concello compensar a diminución, estimada en 1,2 millóns de euros, que o impacto da pandemia do covid está a provocar nas actividades económicas na cidade e que reducirá a recadación dos impostos de plusvalías, construcións e licenzas urbanísticas.

O capítulo de gasto corrente, de 50,8 millóns, aumenta un 3% respecto ao exercicio pasado debido ao custo das actuacións excepcións derivadas da pandemia, entre as que, a modo de exemplo, o alcalde citou o incremento de 40.000 euros mensuais na factura da limpeza de centros escolares e polideportivos. Tamén crece debido ás melloras previstas nos novos contratos de servizos públicos que o Concello prevé sacar adiante nos próximos meses, e citaron expresamente o do Servizo de Atención non Fogar, o de mantemento de parques e xardíns (estes dous os máis avanzados, con previsión de entrada en funcionamento en abril), o de transporte público urbano e o de limpeza viaria, aínda que as correspondentes repercusións económica serán proporcionais á vez que estean en vigor este ano. «Estamos intentando facer un esforzo para responder ás demandas e necesidades da cidade nun momento tan complicado como este», subliñou Bugallo.

O gasto de persoal do Concello sumará 35 millóns de euros, 1,1 máis que o ano pasado.

Prevén que as axudas convocadas en decembro quedarán pagas a próxima semana

O goberno local confirmou a súa intención de lanzar en marzo ou abril a terceira convocatoria de axudas directas aos sectores máis prexudicados pola crise derivada do covid (hostalería, comercio e cultura), que roldará os 2,5 millóns de euros, cantidade que, dixo o alcalde, podería incrementarse. En canto ás dúas convocatorias anteriores, o rexedor lembrou que a de maio está paga, e anunciou que a previsión é que a de decembro pasado «quede pagada a semana que vén».

O Concello recorrerá ao endebedamento por 10 millóns de euros, cantidade superior á doutros anos, o que Bugallo xustificou pola necesidade de «dinamizar a vida económica da cidade e xerar actividade». O alcalde matizou que non se pretende incrementar o pasivo do Concello, senón que «recuperamos parte das amortizacións que fixemos a maiores», que cifrou en 12 millóns no primeiro ano e medio do seu mandato. O rexedor indicou que a débeda bancaria era de 23 millóns no 2019 e agora é de 11,2.