Unha muller falece en Ordes como consecuencia dun atropelo tras baixar dun bus

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A vítima é unha persoa moi coñecida en Poulo, onde tivo lugar o fatal accidente

03 novs 2019 . Actualizado ás 21:23 h.

A dramática fin de semana que viviu a área de Compostela, con tres falecidos en dous accidentes de tráfico, tivo un colofón tráxico a última hora da tarde deste domingo, cando unha muller perdeu a vida como consecuencia dun atropelo que tivo lugar na zona de Poulo, no termo municipal de Ordes.

Segundo a información facilitada polo 112, a vítima é unha persoa de avanzada idade que foi acadada por un turismo cando circulaba á altura do punto quilométrico 17 da estrada AC-524, que comunica Ordes e Lanzá. Ao parecer, a muller baixaba dun autobús cando foi atropelada. Trátase dunha persoa moi coñecida no lugar, porque é a nai dos propietarios da casa de turismo rural Antón Veiras, situada en Poulo, na mesma zona onde sucedeu o fatal atropelo.