Campaña de alumnos da USC para editar unha revista de Historia

Por Marga Mosteiro

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Os seus impulsores queren achegar as Ciencias Sociais a todos os públicos

03 oct 2019 . Actualizado ás 20:58 h.

Hai uns meses, Miguel Rodríguez, estudante do máster de «Historia contemporánea e sociedades rurais» baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto, sorprendeunos cun traballo sobre os costumes e vivencias das mulleres que venden as súas colleitas no mercado de abastos; así como acerca da influencia que este traballo tivo tanto no desenvolvemento da economía local. Por aquel entón, Miguel comezara, xunto a outros compañeiros, a desenvolver unha web con artigos sobre diversos campos das Ciencias Sociais. Agora, el e os seus compañeiros, entre os que está Roque Sanfiz, queren dar un paso máis, e buscan financiamento para sacar adiante a revista Mazarelos en dixital e en papel, con carácter semestral, e editada en galego. Para engordar o seu proxecto contan coa colaboración dunha vinte presentas, que escribirán sobre diversas áreas das Ciencias Sociais, e «loxicamente de historia e historia da arte, e tamén de filosofía. Non é unha revista para expertos, o que queremos é acercar a historia ás persoas do común, e facelo cunha linguaxe sinxela e amena para que sexa divertida». O primeiro número terá dous artigos de historia, outros dous de historia da arte, un dun investigador invitado dunha universidade estranxeira, unha entrevista e un artigo sobre un personaxe soado. «Todo escrito de forma amena para acercar as ciencias sociais a xente». Entre os seus colaboradores hai investigadores de México, Italia e, por suposto, Galicia. Os novos estudantes iniciaron hai dous días unha campaña de mecenado para financiar a súa proposta, e para iso abriron unha conta na plataforma goteo.org coa que agardan recadar o orzamento necesario para lanzar a publicación. «O mínimo son 1.600 euros, pero se logramos 1.800 teriamos tamén o custe da propia plataforma», explica Miguel. A campaña terá unha vixencia de 40 días, e nos dous primeiros recadaron 327 euros. Para animar aos donativos, as persoas que acheguen cinco euros terán acceso á revista dixital, por seis euros faranse coa publicación en papel; e por once terán os dous primeiros números. 

MIGUEL VILLAR

Arte para comunicar

Non é unha mostra ao uso, porque o artista non o é. «Deconstruir a exposición. Alterala, dislocala, repensar os seus límites, intercambiar os roles de artista e comisaria, unhas veces, outras non. Converter a exposición nun ente afectivo froito dun pacto entre suxeitos ao tempo», explica o díptico da sala Alterarche, en Ourense. O artista Jacobo Bugarín (Santiago de Compostela, 1983) e a comisaria María Marco (Vigo, 1979) únense nunha voz sen corpo entre muros. Unha mostra que se vai construíndo sobre o espazo grazas ás conversacións que manteñen entre eles, «entre dous bos amigos», explica Jacobo Bugarín. Porque esta exposición é tanto del como de María Marco. «A confianza ente nós é moi importante e todas as conversacións que mantivemos para montar esta exposición están aí reflectidas», explica o artista. Por iso, o que entre na sala verá textos e imaxes de correos electrónicos, whatsapps, escoitará fragmentos de audios de chamadas de teléfono entre ambos, gozará con fotografías, con cerámica ou se deixará levar por feixes de luces. En definitiva, coñecerá como se fragua unha exposición, cal é o seu proceso. 

Billar para maiores

O billar americano tamén é un deporte para desenvolver habilidades entre as persoas maiores e para competir, ademais de gozar con este xogo de salón. Demostrouno o centro social e da terceira idade da Baña, que celebrou o campionato denominado Maiores. Venceu Anxo Freire, seguido por Celestino Quintáns e, con case 90 anos, Secundino Lado.