O terror das velutinas está en Padrón

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

O veciño de Extramundi Anxo Rei Arca dá cunha receita sinxela para cazar a esta especie, a base de mel e auga nun bote de cristal, e coa que as mata por centos

20 sep 2019 . Actualizado ás 00:10 h.

Arqueólogo de formación, Anxo Rei Arca é o terror das avespas velutinas. Este veciño de 30 anos de Agronovo, en Extramundi, no municipio de Padrón , deu cunha receita sinxela para cazalas na horta da súa casa: mel e auga mesturados, a poder ser nun bote de cristal. «Dá mellor resultado que o de plástico», explica Anxo Rei que, desde mediados de agosto, suma unha boa chea de exemplares mortos.

Todo comezou o día que se deixou esquecido na leira un bote de mel aberto, que a choiva mediou de auga e, para a súa sorpresa, encheuse de velutinas . Desde entón, non para e cada día coloca varios botes pola horta, naqueles puntos nos que detecta maior presenza das avespas, como a contorna das árbores froiteiras e das plantas con flores, e baléiraos ao día seguinte, tras encherse de avespas . «Nun día de calor pódense chegar a coller preto dun cento», asegura o veciño de Extramundi, que esta lexislatura se estrea como edil do Concello, polo grupo do PSOE.

Anxo Rei herdou do seu avó unas cantas colmeas e, á vista do que estaba a pasar coas velutinas, empezou a mirar formas de conter esta praga ata que, de casualidade, deu coa fórmula do mel e a auga, que tan ben lle está funcionando. Tanto que asegura que nesa trampa só caen exemplares desta especie, que el vai botando nunha chea sobre un tocón dunha árbore da horta e que xa levanta unha boa altura.

As colmeas do avó leváronlle a tomar medidas para controlar a praga invasora

A mestura a base de mel e auga que fai o veciño de Agronovo para conter a praga das velutinas «é a fórmula máis sinxela das que probei», di Anxo Rei, aínda que recoñece que tamén o fixo con mosto tinto, azucre e compostos con fermento e cervexa. O decidiuse a actuar cando se fixo cargo das colmeas do seu avó e viu que as velutinas acababan con elas. «Todo o que sei das abellas aprendino de meu avó, e o resto vou facendo eu experimentos», di.

Os seus veciños xa son coñecedores de que a súa fórmula funciona e téñenlle avisado para que lles axude ante a presenza de velutinas , como as dun niño que hai preto da Casa de Cultura de Extramundi e que Anxo Rei cre que é do que proceden moitos dos exemplares da zona.

O veciño é, ademais, unha persoa á que lle gusta estar en contacto coa natureza, polo que continuará coa tarefa de tratar de conter a praga.

A loita contra a velutina