Un encontro que acabou en película e moito máis

SANTIAGO

CEDIDA

A historia que unha sobrevivente do Holocausto contoulle en Santiago a Fernando Cortizo xerminou na nova película de animación do premiado director compostelán

20 abr 2019 . Actualizado ás 19:27 h.

Hai algo máis de dous anos o director e guionista Fernando Cortizo (autor do Apóstolo) tivo un encontro en Santiago, a súa cidade, cunha muller. Foi no inverno do 2016. Ela era Dagmar Lieblová, sobrevivente do Holocausto. A historia que lle contou, a dunha nena de 15 anos que acabou un campo de concentración e sobreviviu a el, foi o xerme da película de animación na que anda agora embarcado o compostelán, un home que ía para veterinario e acabou converténdose nun cineasta multipremiado, cun nomeamento aos Goya, seis Mestre Mateo e unha preselección para os Óscar. Shkid chámase o novo proxecto, unha coprodución entre España e México (posiblemente súmense máis países á ecuación) sobre a historia dos nenos da Segunda Guerra Mundial. Cortizo agarda ter listo para despois do verán a montaxe final, resultado dun longo proceso de investigación. Tras coñecer a Lieblová, apoiado pola produtora Armar Media, o director empezou a tirar do fío e leste levoulle a Terezín, en plena onda de calor, onde coñeceu a outra sobrevivente, Doris Grozdanovicova, quen percorreu a antiga fortaleza nazi co equipo para contar como era o día a día para os menores de idade alí recluídos. Tamén viaxaron a Auschwitz e Israel e, ademais de falar con máis sobreviventes, entrevistaron a expertos internacionais de máxima relevancia cando se trata de rescatar esa parte da historia, como Robert Jan Van Pelt, Michael Berembaum ou Paul Simons. O santiagués descubriu unha historia fascinante, sobre como os nenos prisioneiros no campamento da República Checa crearon unha sociedade secreta e ata publicaron unha revista clandestina. Foi nese momento, conta Cortizo, cando decidiu que a película que lle roldaba a cabeza sería de animación, para chegar ao gran público: «Vai ser unha homenaxe a estes mozos, pois o seu heroico comportamento e a súa actitude exemplar de solidariedade serán un exemplo a seguir para as vindeiras xeracións». Pero non só se conformou con facer outra gran longametraxe. Neste caso, a ambición vai moito máis alá. Este proxecto deu pé a unha campaña educativa internacional, coa que buscan facilitar de forma gratuíta material didáctico e contidos aos colexios para achegar aos máis pequenos dunha forma amable a realidade que, hai non tanto tempo, viviron nenos como eles e os seus pais nos campos de concentración nazis. «Colabora connosco a Shoah Foundation, creada por Steven Spielberg, coa cesión de entrevistas que poderán verse nas aulas, xunto coa película de Fernando e outras que tamén tratan o tema. Fíxose un traballo de tradución, porque a maioría eran en hebreo e inglés. E seleccionáronse fragmentos para facelos accesibles en función das idades dos alumnos. Adaptar a eles estes contidos é un problema co que se enfrontaban os profesores», indica Isabel Rey , man dereita de Cortizo na produción. Pero, para poder levar adiante esta iniciativa educativa, necesitan financiamento. Para iso crearon unha campaña de crowfunding a través da plataforma Verkami e xa teñen un centenar de mecenas e algo máis de 4.000 euros, aínda que se propuxeron recadar 15.000.ç

SANDRA ALONSO

El toca a carraca

2Desde que no último ano santo, 2010, o Consorcio de Santiago recuperou a carraca da torre norte, réplica da que existiu ata mediados do século pasado, os traballadores do Museo Catedral ocúpanse de facela soar en Semana Santa. Antonio Sesar, farao de novo este ano, por quinto consecutivo. Este santiagués de 37 anos é quen habitualmente dá as entradas para ver a colección artística da basílica, pero venres e sábado santos encárgase de activar ata cinco veces a manivela que fai soar o enorme instrumento de percusión. «Ao principio lévalo ben, pero cando sobes por quinta vez os chanzos ata o alto da torre, os últimos 200 xa custan», confesa, e o cansazo nótase ata para seguir virando a manivela durante cinco minutos, unha tradición que se poderá escoitar xusto antes 12.00 e 18.00 horas hoxe e mañá, co percutir extra das 22.00 na última xornada.

Malagueñas en camiño

3O Camiño de Fisterra é estes días unha transitada vía de dobre sentido no tramo Muxía-Fisterra, xa que hai peregrinos que van antes a Santa María da Barca que ao faro occidental. É o caso dun grupo de amigas malagueñas que culminaron onte o seu percorrido. Son dous Cármenes, Ana, Victoria , Encarni, Yolanda e Anxos. En Muxía reuníronse cos irmáns de Anxos, Jose e Chus, ademais de Adela , filla de Chus. A choiva non lles impediu completar o itinerario.