Os ingresos por vehículos caen un 1,15% a pesar de crecer o parque móbil

r. m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O imposto conxelouse pero aumentan as unidades con bonificacións

05 mar 2017 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello porá á cobranza desde mañá o imposto de circulación de vehículos, un tributo que ha de deparar ás arcas municipais practicamente 4,8 millóns de euros, preto do 5% do total do presuposto que manexará a Administración local para todo o exercicio. Será pouco menos que o ano pasado (un 1,15%), e non porque o parque móbil compostelán decrecese. De feito, incrementouse. Hai 330 vehículos máis nun censo que acada as 63.634 unidades e no que os turismos supoñen o 76%. A explicación do descenso en ingresos, cando o imposto se conxelou, está na depuración que se fixo mediante o cruzamento das unidades fiscais coa base de datos de Tráfico, pero tamén no envellecemento do parque móbil e nas bonificacións. Hai case medio milleiro máis de vehículos bonificados.

En realidade, o importe tributario de todo o padrón fiscal elévase a 5.671.621 euros, pero 10.385 vehículos están exentos dese pago e outros teñen bonificacións de entre o 50 e o 75%, as fixadas polo goberno de Compostela Aberta para os vehículos eléctricos ou híbridos. Estes últimos son os menos, 42, pero suman 3.425 euros en beneficios tributarios para os seus propietarios.

En total, o Concello deixa de ingresar por eses 10.427 vehículos bonificados e por debedores errados -268 recibos- 886.500 euros, fronte aos 873.171 do ano pasado. Nesa relación áchanse vehículos agrícolas, remolques de menos de 750 quilos, coches de titulares con discapacidades, os dos servizos de emerxencia e sanitarios, vehículos da Universidade e, desde o ano pasado, os ecolóxicos, aínda que as bonificacións neste tipo de unidades comezan a ser máis visibles no padrón fiscal que desde mañá ponse á cobranza en fase voluntaria por espazo de dous meses.

Os históricos, o 7% do censo

Esta nova liña bonificadora non é a que máis pesa, de momento, nesa lixeira caída de ingresos. Si o fai o progresivo envellecemento do parque móbil. Xa sexa pola crise, sobre todo, ou polo aprecio por modelos que van desaparecendo, aumenta de novo o colectivo de vehículos históricos, que a efectos fiscais son aqueles que teñen polo menos 25 anos, o que os exime do tributo. Este ano sumáronse 187 máis aos 437 que entraron nesa categoría no 2016. Nos dous últimos exercicios subiron case un 17% e xa rozan os 4.360, o 6,85% do padrón total. E suman 314.540 euros en bonificacións. Os beneficios por discapacidade, onde tamén hai exención total, elévanse a 314.540 euros.

Pero a depuración dos padróns tamén incidiu na minoración das previsións recadatorias. Tras ese traballo, Raxoi asume que este ano se atopará con 268 debedores errados (25.500 euros menos en ingresos), case sete veces máis que no 2016.

63.634

Total de recibos

Hai 330 máis que o pasado ano. Deles, 10.427 teñen bonificación total ou parcial

4.785.120 €

Ingresos previstos

É a recadación orzada, descontados os 886.500 euros en bonificacións

23.937

A gama máis numerosa

Son os turismos de 12 a 16 cabalos fiscais. Ata os 12 cabalos hai 20.836