Maratón do «Novo Hollywood»

Miguel Anxo Fernández

SANTIAGO

07 nov 2014 . Actualizado á 17:02 h.

En 1998, o crítico Peter Biskind publicou Moteiros tranquilos, touros salvaxes (Anagrama, 2004), unha crónica de lectura obrigada para achegarse á xeración que transformou Hollywood durante os convulsos anos 70, desde o espectacular éxito da moi rebelde Easy Rider, que Dennis Hopper estreou en 1969. Nun atractivo maratón de 70 filmes, que entre outros inclúe o documental Easy Riders, Raging Bulls: how the Sex, Drugs and Rock ´N´ Roll Generation Saved Hollywood (Kenneth Bowser, 2003), baseada no texto de Biskind, Cineuropa percorre a que foi quizá a época máis fecunda, transgresora e brillante do cine norteamericano baixo a epígrafe Cando Quenlla devorou o cine; ascenso e caída do Novo Hollywood.

Xunto a Scorsese, Spielberg, Schrader, De Palma, Coppola, Peckinpah, Altman, Ashby e o propio Hopper, estarían outros cineastas, algúns autores de rarezas que nalgún caso chegaron a estrearse en circuítos de segunda fila na España setenteira e outras que non chegaron, porque fracasaron comercialmente nos Estados Unidos ou porque a censura española simplemente vetounas. O festival recupera algunhas obras singulares daqueles pioneiros varias décadas despois e que agradecerán os máis cinéfilos, como Passion (De Palma, 2012), Twixt (Coppola, 2011) e The Canyons (Schrader, 2013). E de propina, a homenaxe a Robin Williams no rescate doutra rareza, Popeye (Robert Altman, 1980).