Flores para alegrar aos maiores

m. gonzález

SANTIAGO

09 may 2012 . Actualizado ás 07:00 h.

1 A residencia Geriatros Santiago de Pontepedriña celebra o seu primeiro aniversario. E faino con humor, música, repostería e flores. Unha semana completa. Onte tocoulle a quenda a un taller de arte floral no que os maiores aprenderon a realizar centros con flores naturais. Hoxe, Quico Cadaval e Avelino González amenizarán a tarde cunha sesión de contacontos. O xoves tócalle a quenda á música, e o venres aos cupcakes, o último en repostería.

Non aos malos tratos animais

2 Dúas das organizacións máis implicadas na defensa dos animais, Igualdade Animal e Equanimal, organizaron un acto de protesta en pleno Obradoiro contra a experimentación con animais que leva a cabo Italia Green Hill, un criadeiro de Brescia no que se realizan este tipo de experimentos. O sábado 28 de abril os activistas lograron rescatar a uns 30 cans, polo que a protesta tamén buscaba solidarizarse cos compañeiros detidos en Italia.

O rei do café

3 Aos colombianos estalles saíndo un duro competidor en Compostela, polo menos na preparación do café. Óscar de Toro suma e segue, e a última foi no campionato nacional de baristas, onde logrou o cuarto posto. Propietario da cafetería Venecia, convenceu os xuíces con catro espressos, catro capuchinos e catro bebidas de creación orixinal a base de espresso e sen alcol. Todo en quince minutos. Pena que non estivese George Clooney para degustalos.

Rodríguez Fer, honoris

4 O escritor e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes. Comparte honra con Mario Vargas Llosa, Jorge Semprún e Jorge Edwards. Parabén.