O PP entregará a alcaldía de Toques a metade de mandato aos independentes

toques / a voz

SANTIAGO

12 jun 2011 . Actualizado ás 06:00 h.

Jorge Calvo seguirá sendo alcalde Toques, aínda que non todo o mandato. Chamado polas urnas a seguir á fronte do Concello en minoría ou a pactar un goberno estable, o candidato do PP e os tres edís electos do seu grupo optaron polo segundo e, onte, Calvo tamén recibiu o apoio na súa toma de posesión do cargo dos tres concelleiros da lista independente Xuntos Cara ou Progreso de Toques.

Senllos partidos selaron un acordo de última hora que compromete ao PP a entregar a alcaldía a José Antonio Castro transcorridos os dous primeiros anos de mandato. O pacto senta na oposición aos dous edís do BNG, que negociaron sen éxito con ambas as formacións, e a gobernar en equipo aos populares con edís da lista electoral que, fai catro anos, encabezou o ex alcalde de Toques, Jesús Ares, expulsado do Partido Popular.