O municipio de Dodro está limitado polo paso de estradas impostas

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

SANTIAGO

A vía rápida da Barbanza e o tren de alta velocidade afectan o desenvolvemento do concello

16 may 2003 . Actualizado á 07:00 h.

O progreso e crecemento do concello de Dodro está moi limitado. Pola súa situación xeográfica, a este municipio da comarca do Sar tocoulle un mal papel na planificación autonómica en materia de infraestruturas. Dodro sufriu a imposición da vía rápida da Barbanza, unha dura liña de asfalto, sen recibir nada a cambio e agora xa hai un novo proxecto para converter a estrada en autovía, co desdobramento en catro carrís. Iso implicará máis expropiacións e máis obras, iso si, de interese xeral, pero que rompen o concello. Tamén está en proxecto o paso do ferrocarril, un servizo máis do que o municipio pouco beneficiarase. Neste punto, a corporación si se mostrou en contra do proxecto á vez que solicitou contraprestacións no caso de que se execute. Pero Dodro ten as mans atadas noutras zonas, posto que ás infraestruturas impostas hai que engadir a zona de protección das Brañas de Laíño, terreo morto urbanisticamente posto que non permiten facer nada. A isto engádese o enfrontamento veciñal que afecta ás dúas comunidades de montes existentes.