Kane, ás portas da historia

RUSIA 2018

La Voz

Inglaterra e Colombia, nun gran momento, buscan unha praza para cuartos

03 jul 2018 . Actualizado á 17:42 h.

Os ingleses inventaron o fútbol e ata o perfeccionaron. Con todo, tan só nunha ocasión, en 1968, conseguiron gañar un Mundial, que ademais se disputou no seu propio país. «Xogamos como nunca, perdemos como sempre», aquela famosa frase do arxentino Alfredo Di Stéfano, pódeselle aplicar aos ingleses. Tocaron fondo na Eurocopa do 2016, ridiculizados por unha sorprendente e aguerrida Islandia. Con todo, souberon refacerse, conformar un equipo capacitado para pelexar polo título e que ilusionou a Inglaterra.

Harry Kane, o goleador do Tottenham e agora do Mundial, é o líder deste equipo, que conta nas súas filas con xogadores mozos e de moito talento. Os ingleses xa non fan ese fútbol aguerrido e de balóns longos colgados á área. Teñen a mellor liga do mundo, infestada xogadores e técnicos top, que cambiaron a súa visión do fútbol. Agora son técnicos, eléctricos e descarados.

Na fase de grupos deixaron patente todo o seu talento, aínda que no terceiro encontro caeron fronte a Bélxica, nun partido que levantou grandes suspicacias, no que o seleccionador inglés, Gareth Southgate, fixo ata oito cambios, reservando a ningúns dos seus mellores futbolistas.

Harry Kane e a súa selección, Inglaterra, cítanse hoxe coa historia. Buscan unha praza nos cuartos de final, o mesmo obxectivo de Colombia, o seu rival esta tarde (20 horas no Spartak Stadium). Os colombianos tropezaron fronte a Xapón no seu primeiro partido da fase de grupos, aínda que foron de menos a máis. Con James Rodríguez con problemas físicos, (é dúbida por un edema no sóleo dereito), apareceron outros xogadores dispostos a liderar a selección cafeteira. Juan Quintero é quen máis brillou, un xogador de calidade e con gran verticalidade. Yerry Mina, o defensa central de Barcelona, tamén se erixiu nun baluarte atrás e decisivo arriba, con dous goles a balón parado, mentres que o veterano Falcao non vive o seu mellor momento, aínda que segue sendo referencia arriba.

A dureza dos encontros fronte a Polonia e Senegal fixo máis fortes aos colombianos, a súa autoestima subiu. Pekerman, o seleccionador colombiano, fala de Harry Kane como dun xogador fantástico e recoñece que está nun momento único. O que gañe hoxe medirase ao vencedor do Suecia-Suíza, xa en cuartos.