Tecnoloxía aplicada ao deporte: a app que está detrás dos teus adestramentos
OCIO@

Unha empresa galega desenvolveu unha nova solución adaptada tanto ao traballo dos adestradores como ao dos seus usuarios
22 abr 2025 . Actualizado á 18:22 h.Preséntanse como a aplicación galega que está «a revolucionar o traballo dos adestradores persoais». Baixo o paraugas dunha experimentada firma de sotfware nacía un empresa que chegaba para cubrir unha necesidade, a de dar servizo aos adestradores persoais. Trainer Studio é un produto de nicho cada vez con máis demanda. «O mundo do adestramento deu un xiro radical nos últimos anos. A pandemia acelerou unha tendencia que xa viña crecendo: adestrar na casa, desde o ximnasio do barrio ou incluso no parque, pero coa axuda dun adestrador en liña. Isto abriu enormes posibilidades para os profesionais do sector, pero tamén puxo en evidencia unha gran carencia: a falta de ferramentas deseñadas especificamente para eles». Así introducen esta fórmula de negocio Iago Lastra e Odín del Río, dous emprendedores naturais de Pontevedra e Marín, respectivamente, que xa están a triunfar co seu software de calendarios e citas TimeTime.
Eles detectaron ese baleiro para un sector tan concreto, o que lles deu ás para lanzar Trainer Studio. Trátase dunha app desenvolvida desde Galicia que está a transformar o xeito na que estes profesionais xestionan o seu día a día. En lugar de depender de follas de Excel, PDF ou conversacións interminables por WhatsApp, TrainerStudio centraliza todo o traballo: desde a creación de rutinas e o seguimento do progreso de cada clientes, ata a comunicación, a planificación nutricional e a xestión de pagos. «O noso obxectivo non é só dixitalizar o traballo, senón dignificalo. Darlles a estes profesionais as ferramentas que necesitan para traballar de forma máis profesional, aforrar tempo e ofrecer unha experiencia excelente aos seus clientes», explican.
Fano desde Galicia, ecosistema que consideran cada vez máis presente no mapa da innovación. «Viuse crecer nos últimos anos un ecosistema de startups que apostan por aplicar tecnoloxía a sectores como a enerxía, a educación, a saúde ou, como neste caso, o deporte».
Os seus ao redor de 5.000 usuarios botan así man dunha ferramenta moi intuitiva, especialmente para os adestradores. «É súpers doado de usar e con catro clicks xeran unha rutina e adáptana a cada cliente así que dan un servizo de máis calidade e aforran tempo», relatan.
O seu equipo fundador di ademais combinar a súa experiencia en desenvolvemento software cun profundo coñecemento do adestramento persoal. «Non vimos impor unha forma de traballar, vimos entender ao adestrador ou adestradora e construír ao seu lado. É a nosa filosofía desde o primeiro día».
Adestradores e usuarios quedan así conectados para que o seu día a día sexa máis sinxelo e cómodo para ambas as partes. «Nun mercado cada vez máis competitivo, saber adestrar non é suficiente. Tamén necesitas ferramentas para organizarte, destacar, captar clientes e fidelizalos. Quen non estea dixitalizado no 2025, vai ter complicado».
IA e personalización
Un dos focos crave de TrainerStudio é que permite escalar o negocio do adestrador sen perder calidade na atención ao cliente. Isto tradúcese en funcionalidades como a automatización de tarefas repetitivas, a comunicación centralizada, a xeración de informes e as rutinas reutilizables.
De cara ao futuro, a plataforma planea integrar intelixencia artificial para ofrecer recomendacións personalizadas, detectar sinais de estancamento ou abandono por parte dos clientes e axudar ao adestrador para tomar decisións máis informadas. «A IA pode axudar a mellorar o servizo, pero sempre baixo o control do profesional. Nunca vai substituír o seu criterio nin a súa experiencia, senón amplificar a súa capacidade de dar un bo servizo», destacan.
En tan só un ano, TrainerStudio pasou de ser unha idea para converterse nunha ferramenta utilizada a diario por miles de persoas en España e Latinoamérica. O crecemento foi orgánico, impulsado polo boca a boca entre adestradores que buscan profesionalizar o seu servizo e diferenciarse nun mercado saturado de solucións xenéricas.
Desde a startup xa se están preparando para escalar en novos mercados e seguir incorporando melloras baseadas no feedback dos usuarios.
Polo momento, os profesionais poden subir á app rutinas ou exercicios, incluídos vídeos e instrucións, e incluso rutinas personalizadas. Pódense crear perfís de clientes e seguir os seus progresos en tempo real e tamén manter o contacto cun servizo de mensaxería coa que se poden resolver dúbidas ou enviar recordatorios. Os plans de nutrición pódense compartir, ademais de seguir os progresos con fotos e medidas corporais.
O modelo usa a fórmula da subscrición e págase en función da cantidade de clientes activos. «Desta forma nunca perden diñeiro», explican.