
A compaña referente do streaming redeseña a súa interface para competir mellor no gran mercado mundial da atención
16 may 2025 . Actualizado á 13:11 h.Tempos de cambios de calado no mundo do streaming. Por unha banda, unha novidade con gran carga simbólica. Como Donald Trump cos aranceis, a Warner recúa e intenta remendar un grave erro: prescindir do enorme prestixio da marca HBO para o nome do seu servizo Max.
Aquela xogada non saíu ben. Agora dan marcha atrás, para alborozo das redes sociais e entusiasmo dos creadores de memes. Eles mesmos son conscientes de que lles toca, para mal, ser o centro da atención e recorreron ao humor para aguantar mellor o ballón. Ninguén deixara de chamalos HBO, pero á vez non podían atopar a app buscando con ese nome. E sabíano.
A outra gran novidade vén da man do gran referente do streaming, Netflix. A compaña estadounidense non cambia de nome, pero si ha ha anunciado cambios na súa interface, na forma na que os subscritores poden navegar e consumir contidos pola aplicación.
Netflix revelou nunha conferencia virtual que ten 94 millóns de usuarios mensuais de pago. Segundo a empresa, os plans que máis crecen son os que inclúen publicidade (son os máis baratos). E proporcionou máis datos sobre eses consumidores. Dixo que nos Estados Unidos os seus clientes pasan unha media de 41 horas ao mes vendo contidos e, nunha chiscadela a posibles anunciantes, sinalou que chegan ao grupo de idade que ten entre 18 e 41 anos e que van lanzar unha plataforma propia de publicidade. Netflix Ads Suite. Haberá máis anuncios en Netflix no 2026? Fagan as súas apostas e poñan as súas fichas no si.
94 millóns de subscritores de pago son moitos, e son máis dos que ten a súa competencia directa, pero, confórmase Netflix con esas cifras? Non. Quere máis. Quere competir con máis forza nese gran mercado global da atención chamado internet. Para iso redeseñou a súa interface. O novo deseño pretende ser «máis simple, máis doado e intuitivo». Iso supón cambios, sobre todo na aplicación para móbil, que se transformará para ofrecer unha experiencia de navegación vertical parecida á de TikTok, recoñecida pola súa gran capacidade de atracción, de enganchar aos usuarios para que vexan un vídeo tras outro, para que entreguen o seu tempo.
Si, Netflix terá os seus propios shorts, vídeos curtos que recomenda un algoritmo a partir das series e películas da plataforma, e o seu propio scroll infinito.
Por se había dúbidas de que Netflix quere devorar á televisión tradicional, na nova interface haberá notificacións para alertar ao usuario de que empezan programas en directo. Moi atrás quedaron os tempos do videoclub virtual (así empezou a empresa) e do vídeo baixo demanda sen publicidade, do ve o que queiras cando queiras. Agora chega a intelixencia artificial, e non só para suxerir contido afín ás preferencias do usuario «en tempo real», senón tamén para poder facer procuras dialogando cun chatbot da app coma se fose ChatGPT, Gemini, Claude, Le Chat ou outro asistente de IA. Que poderémoslle dicir? Segundo Elizabeth Stone, responsable tecnolóxica de Netflix, frases como «Quero algo divertido e animado», ou «quero algo que dea medo, pero non demasiado». Como responderá? Terá alucinacións? Verémolo nas próximas semanas ou meses.