
CAL AI, creada por dous mozos de 18 anos, emprega intelixencia artificial e logrou máis dun millón de descargas
21 mar 2025 . Actualizado á 18:24 h.Sempre foi difícil facer unha dieta e/ou levar un control da cantidade de calorías e nutrientes que inxerimos con cada prato de comida. Para esa tarefa, pode axudar a tecnoloxía? Parece que si. Polo menos varios millóns de persoas así o cren. Utilizan unha aplicación para móbiles chamada Cal AI-Food Calorie Tracker. Foi creada por dous mozos de 18 anos, que aínda están no instituto, e converteuse nun pequeno fenómeno nos Estados Unidos. Como funciona? O seu slogan fala por si mesmo: «Fai unha foto do que vas comer e déixanos a nós o resto».
Cal AI usa intelixencia artificial para intentar cumprir co que promete. Emprega varios modelos de imaxes de compañas distintas, como Anthropic (os creadores do chatbot Claude) e OpenAI (os pais de ChatGPT), que adestraron con bases de datos de código aberto.
Segundo relatan os mozos que o desenvolveron ao portal especializado TechCrunch, ten unha «eficacia do 90%». É certo? É suficiente? A opinión popular parece apoiarlles. En Play, a tenda de aplicacións de Google, Cal AI ten máis dun millón de descargas e 80.000 reseñas cunha nota media de 4,8 sobre 5. Na de Apple a nota media é a mesma, baseada en máis de 70.000 avaliacións de usuarios. Aínda que hai valoracións negativas por irregularidades cos pagos. A descarga é gratis, pero hai funcións que só se activan cunha subscrición.
De onde saíu a idea de facer esta aplicación? Segundo o relato de Zach Yadegari e Henry Langmack, da súa preocupación por gañar músculo e poder «impresionar ás mozas». Tiñan experiencia facendo código e puxéronse á tarefa. E crearon unha aplicación capaz de chamar a atención, pero que non é a primeira que ofrece funcións parecidas.
Hai dez anos, no 2015, Google desenvolvera un software para identificar calorías e nutrientes nun prato ou un grupo de alimentos. Chamábase Im2Calories e xa evitaba o usuario ter que meter os datos a man, como outras alternativas da época, pero nunca se converteu nunha aplicación aberta ao gran público.
En Google (e especificamente en Google Lens) traballaron os creadores doutra aplicación lanzada no 2021 que conta calorías e identifica nutrientes a partir dunha foto ou unha mensaxe de voz.
Podes explicarlle o menú completo e o que pesa cada alimento sen necesidade de teclear. E se tes algún móbil de gama alta, podes usar os seus sensores para que exerzan como básculas de cociña. Chámase SnapCalorie e tamén emprega intelixencia artificial, que aprende dos hábitos do usuario, para «responder en segundos».
SnapCalorie goza de menos popularidade que CAL AI, (uns cen mil usuarios) pero conta tamén con excelentes valoracións e algunha función extras, como o escaneado de códigos de barras de produtos.
Estas aplicacións irán mellorando co tempo á medida que o fagan os modelos de IA que usan. E posiblemente faranse moito máis populares. Pero, poden substituír a un médico ou a un experto en nutrición? A resposta é un non rotundo. Nas propias condicións legais de uso advírteno os desenvolvedores de xeito explícito: «Non ofrecemos asesoramento médico, todas e cada unha das recomendacións deben considerarse suxestións, consulte cun profesional».