




O corpo da muller estaba totalmente queimado e o do home, parcialmente. A investigación mantén abertas todas as hipóteses
31 may 2025 . Actualizado á 22:41 h.Uns sendeiristas localizaron este sábado, nunha paraxe apartada de Campo Lameiro, un vehículo con dúas persoas calcinadas no seu interior.
Segundo informou o subdelegado do Gobierno en Pontevedra, Abel Losada, o estado dos corpos é tan delicado que terán que ser as probas de ADN as que determinen a identidade dos falecidos.
O vehículo foi localizado pasadas as doce do mediodía polos sendeiristas, que deron aviso á Garda Civil. Sobre o terreo están a solicitarse as probas, polo que se manteñen, de momento, todas as hipóteses abertas.
Os corpos foron localizados en Caneda, Campo Lameiro, nunha paraxe apartada do municipio pontevedrés, moi próximo a unha área de petróglifos do lugar. Abel Losada insistiu en manter todas as hipóteses abertas e que neste momento é a Garda Civil a que debe traballar con calma. «Agora é o momento para deixar traballar aos axentes da Garda Civil e non facer especulacións que poidan entorpecer a investigación», dixo o subdelegado do Gobierno.
O alcalde da localidade, Carlos Costa, está na zona tras coñecer esta mañá o ocorrido. «Están nunha zona de monte, a que se accede por unha pista», sinala o rexedor dun municipio que aos poucos vai decatándose do suceso. Tras unha mañá de traballo sobre o terreo, que proseguirá o resto da xornada, vanse coñecendo máis datos. Os corpos, dun home e unha muller, serán trasladados ao anatómico forense cando o xuíz permita o levantamento dos cadáveres. A investigación policial segue o seu curso, pero se puido saber que o corpo da muller estaba totalmente calcinado e o do home, parcialmente. Polo momento, descoñécese se son veciños de Campo Lameiro e cales son os motivos que os levaron ata esta zona de monte no lugar de Caneda.