A matemática pontevedresa María Elena Vázquez Abal, premio de Divulgación Científica 2024

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Real Academia Galega de Ciencias

A investigadora impulsou as iniciativas «Unha andaina polas Matemáticas» e «Que pasaría se xuntásemos nun bar a...»

06 may 2024 . Actualizado á 15:05 h.

Por unanimidade, a Real Academia Galega de Ciencias concedeu o Premio RAGC de Divulgación Científica 2024 á investigadora María Elena Vázquez Abal (Pontevedra, 1960), matemática da Universidade de Santiago de Compostela onde é catedrática de Xeometría e Topoloxía desde o 2021.

«A súa investigación céntrase na xeometría diferencial. Dirixiu varias teses de doutoramento e ten publicado numerosos artigos de investigación en revistas internacionais de matemáticas como Mathematical Methods in the Applied Sciences, Kodai Mathematical Journal, Archiv der Mathematik, Journal of Geometry and Physics, Annals of Global Analysis and Geometry, Pacific Journal of Mathematics ou Illinois Journal of Mathematics, entre outras moitas», destacaron desde a RAGC.

De igual modo, salientaron o feito de que «desenvolve unha grande actividade divulgadora organizando exposicións, ciclos de conferencias, obradoiros sobre divulgación matemática, concursos fotográficos e audiovisuais, xunto a actividades para alumnado e profesorado de Secundaria. Tamén ten participado e coordinado distintos proxectos de divulgación, varios dos cales tiveron financiamento por parte da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)».

En todos os ámbitos

Deste xeito, o seu labor divulgativo abarca todos os ámbitos e niveis, desde «a universidade aos bares, desde a xente maior aos máis pequenos», apuntaron de quen recoñeceu o seu «sorpresa e satisfacción» pola concesión deste premio.

Sinalou que «a divulgación é moi importante, sobre todo no eido científico e particularmente no caso das matemáticas. É un recoñecemento ás mulleres divulgadoras e, ademais, á divulgación feita en galego». Ao tempo, destaca que comezou en serio fai máis de quince anos na Facultade de Matemáticas da USC coa iniciativa Unha andaina polas Matemáticas, con invitados procedentes de toda España, iniciativa que se acabou convertendo nunha materia de libre configuración.

Posteriormente, xunto aos divulgadores da Universidade da Coruña Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, puxeron en marcha o proxecto Que pasaría se xuntásemos nun bar a..., «unindo a científicos e actores para levar a ciencia a diferentes pobos de Galicia», apuntaron desde a Real Academia Galega de Ciencias precisando que o xurado desta edición estivo composto polos académicos Ángel Carracedo, que actuou como presidente, Antón Álvarez, Antonio Rigueiro, Juan José Nieto e Pilar Bermejo.