O maior comiso de crac do 2021 en España sáldase cunha única condena de sete anos de cárcere

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

Absolta a nai do único condenado. A defensa deste último instou a que se lle suspenda a pena de prisión por motivos de saúde

27 jun 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Sete anos de prisión e multa de novecentos mil euros como autor dun delito contra a saúde pública son as penas recaídas sobre un veciño de Mosteiro, en Meis, acusado de habilitar na vivenda na que residía unha sorte de laboratorio para manipular toda clase de drogas. Na mesma sentenza, a Audiencia de Pontevedra exonera de todos os cargos a unha segunda acusada, nai do único condenado.

A resolución establece que, o 4 de xuño do 2021 e no marco da operación Aceifa, axentes do Grupo II da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional de Pontevedra levaron a cabo un rexistro domiciliario neste inmoble. Deste xeito, puidéronse localizar, repartidas por diferentes estancias da casa, unha serie de partidas de estupefacientes, concretamente alúdese a algo máis dun quilo de cocaína valorado en 49.207,97 euros, 737,718 gramos de heroína que foron taxados en 21 533,72 euros, 108 quilos de marihuana (cannabis), que reportarían 203.508,67 euros, e dous quilos de resina de cannabis (haxix) valorados en 8772,22 euros.

De igual modo, incautáronse, pero non se chegaron a taxar, 738 gramos de cristal, 407 gramos de crac, cantidade que supuxo o maior alixo desta sustancia intervido ao longo de todo o 2021 en España, e cincuenta litros de licor de marihuana, aos que se suma gran cantidade de sustancia de corte que habitualmente se emprega para adulterar distintas drogas, como a heroína.

A Audiencia de Pontevedra, así mesmo, faise eco do achado do «material necesario para a preparación da droga co fin da súa posterior distribución e venda, que tamén foi comisado».

Neste punto, a resolución aclara que José Manuel A. T., quen recoñeceu a práctica totalidade dos feitos imputados, transmitiu horas antes do rexistro parte da marihuana, dous quilos, a outros dous investigados, quen «acudiron ao referido domicilio para a súa adquisición coa pretensión dunha venda posterior. Esta substancia foilles intervida máis tarde e séguese outro procedemento por estes feitos».

Ramón Leiro

Con respecto á responsabilidade de ambos os acusados, no caso de José Manuel descártase aplicar unha atenuante de confesión: «Non houbo facilidade no resultado da investigación derivada da confesión porque xa se evidenciara a autoría. E o acusado limitouse a recoñecer o patente, isto é, que foi sorprendido por mor das vixilancias dos axentes de policía e de xeito inmediato por todo o encontrado no seu domicilio, sen achegar ningún dato sobre o resto das persoas relacionadas coa operación, procedencia da substancia, como fixo para obtela, a que persoas a transmitía logo, os beneficios que así obtiña...», engaden os maxistrados pontevedreses.

Outro tanto ocorre coa atenuante de drogadicción, sobre a que o acusado confesou unha leve adicción, mentres que a médica forense «xa informara de que o trastorno por consumo de cocaína e opiáceos era en grao leve».

Execución da sentenza

En todo caso, a defensa instou á sección segunda da Audiencia de Pontevedra que axilice a execución da sentenza, tendo en conta que se solicitou a aplicación do artigo 80.4 do Código Penal, polo que se habilita aos xuíces a «outorgar a suspensión de calquera pena imposta sen suxeición a requisito algún no caso de que o penado estea afectado dunha enfermidade moi grave con padecementos incurables». Polo momento, estase pendente a que os expertos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) de Pontevedra examinen ao procesado e emitan o preceptivo informe.

No que respecta á absolución da segunda acusada e nai de Jose Manuel, os maxistrados acoden á xurisprudencia para sustentar que «o mero feito de que a acusada vivise co seu fillo no mesmo domicilio inzado de drogas e de trebellos relacionados co seu consumo, preparación, manipulación, transmisión... non resulta suficiente para atribuírlle a participación punible que se lle imputaba, nin aínda cando, como é o caso, tivese coñecemento de todo iso». Neste sentido, lembran que o Supremo esixe que se demostre «que participaba nalgunha actividade que, pola súa tendencia, puidese ser cualificada de facilitación do tráfico».

É por iso que «o coñecemento por parte da acusada da existencia de toda a morea de substancias, obxectos e efectos relacionados coa droga que tiña o seu fillo non comporta por si só a comisión do tipo penal se non se acreditaron, como foi o caso, outras circunstancias alén da mera convivencia familiar no mesmo domicilio da nai e do fillo». E é que, «coñecer non é actuar, e o coñecemento dunha acción realizada por outro non constitúe unha activa participación no delito».

Neste marco, encádrase a restitución á acusada dos 460 euros intervidos na vivenda e que foron depositados na conta bancaria do xulgado instrutor. O diñeiro atopábase nun moedeiro e só se xustificou que esta última «dixo que eran seus, do seu xornal».