Maica Larriba, ante todo, unha profesional do ensino

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

RAMON LEIRO

A subdelegada do Goberno en Pontevedra rememora toda a súa traxectoria vital, laboral e política

29 ago 2023 . Actualizado ás 16:44 h.

«Son unha pontevedresa desas de toda a vida, filla dun vigués afincado en Pontevedra e dunha pontevedresa de Salcedo». Así se autodefine a actual subdelegada do Goberno, Maica Larriba, «a maior de cinco irmáns nunha familia moi unida e moi extensa, sobre todo, por parte da miña nai» e quen gusta aludir á ascendencia aragonesa do seu pai. O seu avó paterno «era dunha aldeíña preciosa da provincia de Zaragoza , Ateca. Era un militar do corpo de Ferrocarrís que veu a Vigo, coñeceu á miña avoa, que era unha viguesa de prol, e quedou toda a súa vida».

Posteriormente, o seu avó sería trasladado por cuestións laborais a Pontevedra, cidade na que nacería Maica Larriba en 1953, «filla de Amador Larriba e de Carmela García», subliña. Botando a vista atrás, a subdelegada do Goberno evoca a súa infancia «con moitísimo cariño e con moita tenrura, pero tamén con algún pequeno baleiro». E é que o colexio das Calasancias onde cursou estudos estaba moi próximo á casa dos seus avós paternos, mentres que a vivenda familiar se atopaba no Burgo, polo que practicamente rematou vivindo, sobre todo, durante a semana cos seus avós. «Digamos que a miña patria moza en Pontevedra era o barrio da Eiriña, un barrio, por certo, con moitísima historia», apunta confesando como botaba de menos aos seus irmáns ata que chegaba a fin de semana ou as vacacións e podíase reunir con eles.

Iso si, deixa claro que «lembro a miña infancia moi feliz nunha zona periurbana de Pontevedra onde a práctica totalidade das casas tiñan o seu patio ou a súa horta e estaban a un paso do centro de Pontevedra. Recordo que cando era nena cando viñamos a Pontevedra, ao centro, diciamos ‘‘vou ao pobo''». Casualidades da vida, do barrio da Eiriña tamén era Emilio Pérez Touriño, quen foi presidente da Xunta entre o 2005 o 2009. «Era veciño dos meus avós», acouta.

«O meu pai sempre quería que estudase, que fósemos á universidade porque el non puidera. Tocoulle ser un neno e un mozo da posguerra», refire á hora de falar do seu paso por Preu —preuniversitario— antes de recalar en Santiago: «A universidade marcou un antes e un despois para todos os mozos que antes tiñamos a sorte, porque era un privilexio, de poder ir á universidade. Cando eu fixen Preu só había un en toda Pontevedra. Sempre o poño de exemplo da transformación, dos cambios tan bestiais que se produciron», subliña rememorando a súa época universitaria na que, dalgún xeito, tívose que afastar «daqueles amigos da alma, daqueles primeiros amigos da miña adolescencia, cos que sempre mantiven unha relación de cariño».

Neste punto, a pregunta de cando lle picou a espiral da política arrinca un sorriso en Maica Larriba, quen confesa que foi en Santiago. No entanto, matiza que cando chegou ao instituto procedente dun colexio de monxas «vin que era un mundo distinto. Empecei a ter contacto con algunhas persoas que logo foron definitivas na miña vida, como as irmás Adrio, coñecín a profesores que falaban distinto, dicían cousas que non oíra ata aquel momento e que espertaban o meu interese», pero insiste en que o paso definitivo o deu na capital galega —é licenciada en Xeografía e Historia e catedrática desde 1996—. «Alí tome conciencia política (...). Tomei contacto coa clandestinidade co movemento estudantil. Non é que eu fose unha líder estudantil, nin moito menos», apunta sen esquecer o «esforzo enorme» que tivo que realizar o seu pai, xa que, nun momento dado, eran tres os irmáns que estaban a estudar fóra de casa, circunstancia que lle fixo regresar á cidade do Lérez.

En Santiago quedou o seu noivo, quen se remataría convertendo no seu marido e pai dos seus dous fillos, mentres a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE na Boa Vila comezou a preparar as oposicións de educación. Aprobou e o seu primeiro destino foi Vigo «nun momento no que había unha explosión de ganas de saber, de coñecer, de apertura. Aquilo marcoume para sempre», reflexiona, á vez que apunta que «a miña vida enteira estivo dedicada ao ensino. Tiven a sorte de empezar a traballar na Transición».

E como era Maica Larriba como profesora? «Creo que fun moi proactiva (...), que sempre tivo unha gran proximidade cos seus alumnos. Procurei estar ao seu lado para ensinarlles o pouco que eu sabía, pero tamén para abrirlles a mente. Creo que fun un profesora próxima, aínda que é certo, con bastante autoridade na aula. Non é doado manter ese equilibrio», responde .

En canto á súa carreira política, quen considera que foi o seu referente, pero tamén amigo, e a quen coñeceu a través das súas fillas, foi quen a convenceu de dar o paso. Gonzalo Adrio pediulle que lle acompañase na lista do PSOE nas municipais. «Eu non era militante. Era unha persoa de esquerdas activa e non me podía negar. Fun como independente», aínda que, e xa como concelleira, decidiu ingresar neste partido a finais da década dos oitenta.

Con Pérez Touriño foi delegada provincial da Consellería de Presidencia e desde xullo do 2018, Maica Larriba é subdelegada do Goberno en Pontevedra, pero «eu son, dos pés á cabeza, unha profesional do ensino. Foi a miña vida, a miña paixón», remarca, á vez que lembra que foi o entón delegado Javier Losada quen lle ofreceu ser subdelegada: «Foi forte. Díxenlle que nin tiña que pensalo».