A última mañá de Rafa Vidal

C. Pereiro

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

O traballador do Pontevedra cumpriu onte 65 anos. Foi a súa despedida dos corredores granates

18 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non todos os heroes levan capa. É unha frase típica que define a eses homes e mulleres anónimos capaces de cambiar o mundo. Tampouco os mitos lévana. Mitos como Rafa Vidal, traballador incansable do club pontevedrés que onte viviu a súa última xornada laboral dentro de Pasarón. Volverá, este domingo, seguro, pero ocupará algún asento na bancada para ver ao Pontevedra cos ollos do afeccionado que nunca deixou de ser.

Foron corenta anos nos que Vidal exerceu o seu labor como ningún outro. Non hai ninguén dentro de Pasarón que non o recoñeza e vaia a botar en falta a súa presenza. É o común denominador de trinta e tres adestradores e catorce presidentes, de centos de xogadores por descontado.

É o mellor equipo do mundo o Pontevedra? «Para o meu si, máis que o Madrid ou que o Barcelona», responde rapidamente Rafa. Non hai indicio de dúbida na súa afirmación, nin a máis mínima. Namorouse do equipo grazas ao seu pai, que o levaba a ver os partidos na época do Hai que roelo. O destino quixo que dese ao club catro décadas da súa vida.

Exerceu diferentes oficios, algún mesmo á marxe do Pontevedra. Dentro deste foi delegado de conxuntos de base, responsable do material, coidador do céspede, pintor, limpador. Un cérbero de Pasarón. O gardián das súas chaves. Discreto, xa non nun segundo plano, senón no terceiro ou o cuarto. Tranquilo, coidando do equipo cunha lealdade inquebrantable cara ao escudo.

«Para min é un orgullo ver a aqueles xogadores da base, trinta anos despois, e comprobar que agora son directores de banco, de empresas grandes, médicos... Faime pensar que á marxe de como os educasen os seus pais, nós tamén puxemos o noso granito de area para que se convertesen en boas persoas», comenta Rafa, en referencia a eses primeiros anos como delegado da base.

Di terlle cariño a todos os adestradores, que todos foron bos, aínda que destaca a Héctor Rial debido ao amor que lle colleu ao Pontevedra, «sendo arxentino como era», e ao que define como un home educado e afable, «moi difícil describilo con palabras». O propio Rial volveu a Pasarón pouco antes de morrer, para despedirse do equipo co que había traballo, entre eles Rafa. Un xesto impagable, demostración obvia do que finalmente o equipo foi para el.

A mañá de Rafa transcorreu como sempre. Aínda que onte vestise de americana e no aire notásese ese ambiente de despedida estraño. Máis de ata logo que de adeus. «Debería estar feliz, por xubilarme, por estar ben; pero non podo evitar sentirme moi triste».

A súa colección de recordos é demasiado grande. Cubriría un libro, unha idea que talvez alguén debese proporlle agora que terá máis tempo para charlar. Dos ascensos que viviu queda co de Terceira a Segunda B, en Eibar. Cre tamén que se aguantásemos o tirón da Segunda A, o do primeiro ano tras o ascenso, «quedamos ata hoxe, pero pagamos a novatada. A verdade é que só nos fixeron falta tres puntos. Mala sorte».

Primeiro en chegar, último en irse

Viu cambiar o fútbol. Non só o do Pontevedra. Comprobou como aquela familiaridade dos equipos foise convertendo noutra cousa, talvez máis próxima ao laboral ou ao profesional que aos sentimentos como tal. Non o critica, pero en certo sentido parece botar un pouco de menos aquelas viaxes co club a cidades, trazar amizades con outros equipos e volver ao ano seguinte comprobando que alí seguían.

«Gustoume ser o primeiro en chegar e o último en saír durante tantos anos», sentencia o pontevedrés. O domingo entrará pola porta principal de Pasarón en calidade de afeccionado granate. E así o fará sempre que se poida. Ten as chaves da casa.