O Concello de Poio destinará un total de 689.000 euros a diferentes obras públicas
POIO

Os investimentos inclúen a humanización entre A Seara e Campelo, a rehabilitación do parque Costa Xiráldez ou dotar de baños públicos Cabeceira
02 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.No pleno municipal do 30 de xuño o Concello de Poio aprobou destinar 689.000 euros a diferentes investimentos en obras públicas. Esta decisión, que saíu adiante polo voto favorable do goberno local e forma parte dunha operación total de 900.000 euros, preséntase como «unha decisión responsable» segundo o alcalde, Ángel Moldes. Ademais, asegura que «teremos menos débeda, pagaremos menos intereses e (...) poderemos executar proxectos necesarios, prioritarios e históricos, cos que damos cumprimento ao noso programa de goberno».
Estas declaracións xorden, conforme indica a alcaldía, facendo referencia ás limitacións implementadas polo Goberno central de empregar o superávit (ingresos maiores que os gastos xerados) acumulado o ano pasado, que acadou os 2,4 millóns de euros.
Humanización
Entre os proxectos que se van a pór en marcha tras a aprobación desta partida atópanse a construción de baños públicos en Cabeceira (cun total de 45.000 euros) ou a rehabilitación do parque Costa Xiráldez (cunha cantidade que acada os 204.000 euros). Ademais, no marco dun convenio común coa Deputación de Pontevedra, case 440.000 euros destes investimentos municipais van destinar á humanización entre A Seara e Campelo.
Dentro deste acordo aprobado no pleno, cuxa contía total é de 900.000 euros, sitúanse tamén cuestións que denominaron como «problemas herdados» dos gobernos anteriores. Así, agardan actuacións adicionais no espazo de coworking da Seca, o pago dunha sentenza por usurpación dun terreo e a demolición dunha cabana sen a autorización do seu propietario no ano 2019. Tamén se ten en conta o pago doutra sentenza, neste caso á empresa construtora Covsa, que revisaba os prezos de obras realizadas durante o mandato anterior do BNG.
Descenso da débeda
Moldes fai principal fincapé no descenso da débeda, que vai supor implementar esta medida debido aos resultados obtidos polos anteriores gobernos locais no referente a esta materia: «Estamos a demostrar que se hai outra forma de gobernar: vós incrementastes a débeda, deixastes facturas sen pagar e proxectos sen executar». Aproveita tamén para lamentar que esta medida fose aprobada sen os votos favorables do BNG e o PSOE, pois asegura que a posición destes grupos é «totalmente incomprensible» xa que son demandas «históricas para ou municipio».
A maiores, no mesmo pleno municipal designouse á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, como nova representante da Comisión de Escolarización. Así, toma a vez da anterior, Natividad Torres, concelleira de Benestar e Igualdade no Concello de Poio.