0003_202405P22C5992
0003_202405P22C5992

A Deputación de Pontevedra aproba 2,7 millóns do +Provincia para doce concellos

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A liña de creación de emprego permitirá a contratación de 725 persoas por parte de 58 concellos da provincia

21 may 2024 . Actualizado ás 17:19 h.

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes destinar preto de 2,7 millóns de euros para doce concellos ao amparo da liña 1 de +Provincia.

Entre os concellos beneficiarios destas subvencións, o de Campo Lameiro, que «recibirá 160.000 euros para a recuperación do espazo para uso peonil no camiño entre Casiñas e Camiño Carballeira e outros 84.335 euros para actuacións en camiños de Castro de Orto, Camiño Padín e Reboredo», mentres que Ponte Caldelas percibirá 158.000 euros «para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, que tiña recibido xa outros 47.800 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas». O presidente Luis López tamén destacou o medio millón destinado a Sanxenxo «para humanizar un camiño en Arra e a contorna do pavillón de Baltar», así como o feito de que Vilaboa percibirá 200.000 euros para «o reasfaltado de vías municipais en Cavada Chan, Paredes e Muíño».

A nómina de concellos beneficiados con estas axudas complétase con Baiona, Covelo, Crecente, A Guarda, Ponteareas, O Porriño, Ribadumia, Soutomaior e Tomiño.

Creación de emprego

No que respecta á liña 3 do +Provincia, o presidente da Deputación destacou o feito de que, en pouco máis de catro meses e medio, completouse a asignación de recursos deste ámbito centrado na creación de emprego. Así, destináronse 8,5 millóns a 58 concellos para a contratación de 725 persoas en situación de desemprego.

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Doutra banda, e no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, aprobouse unha partida de 108.000 euros coa que Sanxenxo sufragará «o financiamento das obras de acondicionamento das instalacións do campo de fútbol municipal de Noalla». Así, procederase a e «ampliar e remodelar a cuberta da zona das gradas para protexelas, aínda máis se cabe, das choivas» a «substituír das luminarias LED que vai mellorar a súa eficacia e eficiencia enerxética».

A partida provincial para actividades culturais acada os trescentos mil euros

 

De igual modo, o presidente da Deputación de Pontevedra, confirmou a aprobación das bases das subvencións para actividades culturais cun orzamento de 300.000 euros. «Sempre dicimos que para este goberno provincial a cultura é un dos seus eixos prioritarios e aquí temos unha mostra: incrementamos nun 20 % estas axudas con respecto ao anterior goberno, isto é, 50.000 euros», resaltou.

Neste sentido, apuntou que, a modo de novidade, «decidimos apostar por crear dúas liñas de axudas». Deste xeito, unha delas, dotada con 250.000 euros, está destinada a pór en valor o patrimonio inmaterial da provincia, así como para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades vinculadas coa pintura, escultura, arquitectura ou o cómic.

En canto á segunda, cun orzamento de 50.000 euros, posibilitará a «participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da nosa terra pero que se celebren fóra de Galicia». Luis López engadiu que se trata de en «axudas en réxime de concorrencia competitiva» as que «cada entidade poderá recibir un máximo de 2.500 euros ou ata o 75% do orzamento da actividade».