A comunidade educativa do CEIP San Clemente, en Caldas, decide continuar coas mobilizacións

CALDAS DE REIS

Pais, alumnos, profesores, veciños e políticos celebraron á súa patroa ao berro de «Santa Rita, Rita, Rita, a unidade non se quita!»
23 may 2025 . Actualizado á 15:32 h.Ao berro coral de «Santa Rita, Rita, Rita, a unidade non se quita!», a comunidade educativa do CEIP San Clemente, en Caldas de Reis, celebrou este xoves pola tarde á patroa das causas imposibles cunha acción reivindicativa para lograr que este colexio público do rural recupere a terceira unidade de infantil. A protesta desenvolveuse pasadas as oito da tarde na contorna da capela de Santa Rita, situada no lugar de Campelo, a escasos metros do centro educativo de infantil e primaria. Desde o movemento #SalvemosCEIPSanClemente explicaron que foi unha mobilización convocada polas familias aproveitando a xornada festiva na parroquia e que foi secundada por unha representación do profesorado do centro e das tres forzas políticas do Concello (PSOE, BNG e PP).
Confirman desde a ANPA que a comunidade educativa decidiu en asemblea continuar coas mobilizacións despois do resultado da reunión que mantiveron o pasado martes en Santiago co director xeral de Centros da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo. «A xuntanza, que superou as dúas horas de duración, pechouse sen ningún compromiso concreto por parte do representante de Educación, máis aló de volver a estudar a situación», afirman os pais.
Expoñen que a terceira unidade de infantil do CEIP San Clemente, un centro onde estudan máis de cen alumnos, suprimiuse a principios de curso por un «erro administrativo» ao contabilizar mal o número de matrículas. «Pese a admitilo, a Xunta negouse a solucionalo e condicionouno —tal e como afirmou primeiro de xeito verbal e, despois, nunha resposta á Valedora do Pobo— a obter un número suficiente de matrículas para o curso 2025-26», reitera a ANPA. Que engade que tras conseguir 11 solicitudes de matrícula, a consellería insiste na súa negativa para recuperar a terceira unidade de infantil e, tras abrir un proceso de baremación, deixou fóra a dous menores e pretende agrupar en dúas aulas aos escolares de 3, 4 e 5 anos.