Pedro García, gandeiro aos 19 anos: «Contratáronme antes de acabar o ciclo de FP e en tres meses xa mellorei as condicións»

YES
O mozo está independizado desde antes de rematar a súa formación nun ciclo superior con paro cero. «O soldo dáme sen problema para poder vivir eu só e aforrar», afirma
24 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Pedro García López sempre soubo que quería dedicarse a algo que estivese relacionado co coidado dos animais. Por iso, aos seus 19 anos, en lugar de irse polas ramas, xa pode dicir que traballa na explotación gandeira e agrícola Casa Menor, en Boimorto, desde antes de rematar os seus estudos. Este mozo de Viana do Bolo mudouse a Melide para estudar o ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal no IES de Melide.
«A miña familia nunca se dedicou directamente á gandería, pero tiñamos contacto con este mundo, e no meu pobo teño veciños e tamén un tío que ten gañado. A min gustoume desde pequeno», indica Pedro, que cando rematou o bacharelato —cun bo expediente— non se decidía do todo, ata que se lle presentou a oportunidade de facer este ciclo: «Era a primeira vez que se ofrecía esta formación en Melide, e animeime a facelo para probar e ver que tal me ía, e a verdade é que moi ben».
Tan ben que o contrataron antes de acabar. Pedro ten un contrato de formación en alternancia. Vai a clase dous venres ao mes para facer un seguimento, aínda que conta que cando empezou na explotación ía máis. «Empecei en xaneiro, e os primeiros meses ía a clase en horario de mañá e viña traballar media xornada pola tarde», indica o gandeiro, que hoxe xa ten a xornada completa.
«Necesítase a xente con esta formación, e por iso contrátannos antes de acabar. A inserción no mercado deste ciclo é do 100% agora mesmo. Alguén a quen lle guste e queira sabe que vai ter traballo, que é un traballo duro, de moitas horas e tamén con fins de semana, pero se che gusta e queres, o que sobra é traballo», insiste o mozo, que di que desde que está a traballar alí, non son poucos os que se achegaron a preguntar.
CAMBIO SOCIAL COA FP
O mozo indica que se produciu un cambio social no relativo á percepción da formación profesional. «Antes o que facía unha formación profesional era o que non valía para estudar e ía cobrar menos. Agora, ver que ao final un albanel, un fontaneiro, un electricista ou unha persoa que se dedique a calquera oficio, está a gañar moitísimo. El mesmo apunta que un gandeiro «pode gañar ao redor de 1.500 ou 2.000 euros ben». Nada que envexarlle a moitos graduados, aínda que Pedro di que iso depende da visión que teña cada un: «A min gústame formarme e, de feito, o ano que vén igual si que fago unha carreira, Enxeñería Agrícola. Pero en canto ao que é o soldo e as condicións de vida, creo que non hai nada que envexar aos dun ciclou. Aínda así, socialmente seguimos tirando un pouco máis das carreiras».
Pedro ten unha formación superior, pero na súa empresa «fan as cousas ben», sinala, e sempre empezan desde abaixo. A día de hoxe, desempeña labores de todo tipo: «En canto ao que é propiamente gandería temos tarefas máis ben agrícolas, de agricultura, de leiras… E, despois, ocupámonos do principal, que é o benestar dos animais, do que vivimos. Hai que facer un pouco de veterinario e outro pouco de xestor. Ao final, tes que facer moitas cousas dentro dun mesmo posto de traballo, incluíndo as tarefas rutineiras, como o muxido, a comida e o propio dunha granxa».
El traballa con vacas de leite. Aténdeas en todas as súas necesidades, desde que a vaca dá a luz ata a recría. «As tenreiras pequenas son o futuro da explotación e centrámonos moito nelas e no seu benestar, porque o que nós buscamos nesta gandería é que os animais estean ben. Se o animal está ben e produce, a nós vainos a ir ben».
O día a día é intenso, apunta Pedro, que advirte que este traballo «encántate ou ódialo», e indica que un sabe a que hora entra, pero non á que se vai. «Porque ao final son seres vivos, e cando menos agárdascho pódeche aparecer calquera imprevisto e tes que estar, e se cadra facer unha ou dúas horas máis. Claro que tamén é un traballo que che permite ter liberdade para organizarte, e se un día tes que irte un pouco antes e permítecho, podes facelo».
O gandeiro fai unha xornada partida de oito horas, en horario de 7 a 11 pola mañá e de 16 a 20 horas pola tarde. A maiores están esas necesidades que poden xurdir no día a día, aínda que valora a flexibilidade que lle permite o traballo. «O meu compañeiro e eu quedámonos a darlles para comer aos tenreiros ao mediodía, nos turnamos para facelo, e así despois un pode vir máis tarde».
DÚAS FINS DE SEMANA
Libra oito días ao mes, como calquera traballador estándar, aínda que pode repartilos como queira, a condición de que o traballo quede cuberto. «Como traballamos dúas fins de semana e outros dous libramos, eu adoito xuntar os días para poder librar catro días seguidos e irme a Ourense, a casa». Non é un traballo tan físico como o foi noutras épocas, engade, porque a tecnoloxía o foi modernizando, reducindo esa carga.
Este é o primeiro emprego para Pedro, que di que apenas catro meses despois de empezar cobra «o normal, entre 1.200 e 1.300 euros», e indica que «de aí para arriba». Basta un pouco de tempo para promocionar. «Para unha persoa mozo á que lle guste e que queira achegar, é rápido subir».
Agora mesmo, el estao aprendendo todo. «Non é que ao empezar contrátente pola formación que tes en si, senón que empezas desde abaixo a aprender como funciona todo. E co tempo, vas facendo os labores que che corresponderían, pero cando empezas teste que adaptar ata que asumes cousas con máis responsabilidade», indica o gandeiro, que asegura que no seu sector se promociona con facilidade. «Eu aos tres meses xa mellorara», sinala Pedro, que apunta que conta moito a actitude da persoa: «Hai xente e xente. A min non me importa quedar máis tempo se hai algo que facer. O principal é que o animal estea ben, non serve de nada que te tires aquí oito horas e despois haxa un parto fóra do teu horario e se cadra perdas un animal. Eu paso máis horas aquí que coa miña familia cando estaba en Ourense».
Facer o contrario, indica, é pan para hoxe e fame para mañá: «Se o animal está ben, o gandeiro vai estar ben tamén. Non serve de nada ter animais que produzan moitísimo e que despois teñas problemas e o que estás a gañar por un sitio, pérdalo por outro».
Ao traballar noutra provincia, o mozo optou por alugar un piso na zona de Melide. Unha vivenda na que vive só e que asegura que paga sen dificultades: «O soldo dáte para poder vivir ti só sen problema e para aforrar». Un imposible para a maioría dos que se inician no mercado laboral, moitos abocados a compartir piso ou a agardar ata ter parella e que esta tamén logre a súa propia nómina estable.
Os alugueiros alí, comenta Pedro, actualmente adoitan estar entre os 400 e os 500 euros. El paga un pouco menos, pero percibe que subiron bastante nos últimos anos, como no resto de Galicia. «Por aquí pasa o Camiño de Santiago e supoño que inflúe o feito de que haxa pisos turísticos, porque os estudantes o teñen bastante difícil para atopar aloxamento». El non, e tampouco para pagalo. Todo un luxo que pode permitirse aos seus 19 anos grazas á gandería.