Bueu impulsa unha cerimonia laica polo Día de Defuntos

Alfredo López Penide
L. Penide BUEU / LA VOZ

BUEU

Están programados un recital da poeta Míriam Ferradáns e un concerto de Concert Le Phénix

28 oct 2025 . Actualizado á 10:22 h.

Este domingo, 2 de novembro, o Concello de Bueu organizará unha cerimonia de recordo laico polo Día de Defuntos nos xardíns do antigo cemiterio, nas proximidades da igrexa de San Martiño de Bueu. Desde o goberno local precisaron que esta proposta «nace coa vocación de lembrar ás persoas que xa non están con nós coma unha forma de homenaxealas no seu día».

Deste xeito, e segundo engadiron, a programación arrincará cun recital poético a cargo da budetense Míriam Ferradáns, «no que a palabra se converterá no centro da emotividade cunha selección de textos poéticos e literarios arredor da memoria, a perda e a vida compartida». Acto seguido, terá lugar o concerto Aires, danzas e sonatas da man de Concert Le Phénix, unha proposta musical impulsada polo violonchelista e pedagogo Fernando Santiago que reúne instrumentos como violas, violíns, violoncelos para interpretar música dos séculos XVII ao XIX.