
En colaboración co Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu), o Concello impulsa a creación dun arquivo fotográfico da localidade que se nutrirá con imaxes achegadas polos veciños. O obxectivo é recuperar e conservar a memoria fotográfica, de tal modo que os interesados en participar poderán facilitar as fotos para a súa dixitalización todos os luns e mércores do 27 de outubro ata o 15 de decembro, de 10 a 19 horas.
Con Bueu en imaxes, segundo apuntou Carmen García, concelleira de cultura, «queremos crear un arquivo fotográfico e un fondo local de imaxes coas que preservar a memoria e organizar exposicións», mentres que María Ruiz, codirectora do FICBueu, apuntou que «facilitaremos que a poboación poida achegar as fotografías de antes do ano 2000 e que se escaneen en boa calidade, ademais de crear unha base de datos na que se clasifique por temática, autoría, data e persoa cedente».
A idea é recompilar este ano imaxes relacionadas con costumes e tradicións.