A praia da Banda do Río de Bueu segue precintada e pendente dos informes técnico e sanitario
BUEU

O Concello descoñece a causa da vertedura de fecais ao areal
19 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os bañistas terán que seguir absténdose de bañarse na praia da Banda do Río, no litoral urbano de Bueu, porque o Concello mantén o peche que se viu obrigado a realizar a semana pasada. Este luns luciu o sol e apenas un puñado de persoas achegouse ata esta praia, pero o máximo que puideron facer foi sentarse na cadeira ou botarse nunha toalla e por fóra do precinto policial, que acordoa a praia ao longo desde Can do Penedo ata o peirao. Así mesmo, segue izada a bandeira vermella e no areal hai carteis que lembran que o baño está prohibido neste tramo costeiro.
A vertedura de fecais que se detectou coas análises realizadas pola Consellería de Sanidade, no seu plan anual da campaña de praias en Galicia de maio a setembro, segue sen ter unha orixe precisa. Este é o segundo episodio contaminante por Escherichia coli e enterococos intestinais desde a primavera, pero a vertedura de maio apenas durou dous días e este parece que vai ser bastante máis prolongado.
Desde a Administración local incidiuse a semana pasada que a analítica de Sanidade reflectiu un «episodio de contaminación microbiolóxica» e que se estaba «indagando» nas causas. No entanto, o Concello segue sen saber que pasou. O goberno local mandou unha comunicación o venres a FCC Aqualia, que é a concesionaria do servizo de saneamento para que «analicen a situación» e informen o equipo de goberno.
En canto ás condicións bacteriolóxicas da calidade da auga, o Concello sostén que está pendente dunha analítica nova da Consellería de Sanidade sobre a que, por agora, non recibiron notificación. O equipo de goberno confía en que esta semana se coñezan estes resultados.
A praia da Banda do Río perdeu precisamente por unha rebaixa na calidade da súa auga a condición de bandeira azul o ano pasado, pero o episodio contaminante deste mes é o máis grave e prolongado dos útimos anos.
Na actual campaña de praias e en base ás análises de Sanidade, na ría de Pontevedra houbo outros momentos puntuais con verteduras de fecais, que foron todos emendados e duraron poucos días. Foron na Lama; Area dá Barca, Fontemar, Laño e Ouriceira, en Poio; A Calzada, en Ponte Caldelas, Ponte Sampaio, en Pontevedra, e Areas, Panadeira e Pragueira, en Sanxenxo. Case todos ocorreron en maio.