Jordi Lauren, o promotor musical que fixo profesión do seu «hobby»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

BUEU

CAPOTILLO

Con sede en Bueu, a súa firma está detrás do concerto de Jennifer Lopez, o SonRías Baixas ou o BigSound

14 abr 2025 . Actualizado a las 20:29 h.

O concerto que vai ofrecer Jenniffer Lopez na cidade do Lérez e os festivais BigSound Pontevedra, Son Rías Baixas de Bueu e Fumega Fest de Betanzos teñen un punto en común, que detrás deles atópase a promotora Play Plan. Uno dos seus fundadores é Jordi Lauren, quen recoñece que a súa chegada ao mundo da música xurdiu «do asociacionismo, como moitas cousas máxicas que ocorren en Galicia».

Non cumprira os 17 anos e formaba parte dun colectivo que comezou a montar concertos nas festas de Bueu como alternativa ás tradicionais verbenas con orquestras. O século XXI apenas dera uns pasiños e esta localidade costeira pontevedresa vibraba aos sons do Troula na Banda, o antecedente directo do SonRías Baixas: «Hai empezamos a facer pinitos dende o asociacionismo e dende a relación social, que realmente é o que somos. Somos animais sociais», engade precisando que, por aquel entonces, non se lle pasaba pola cabeza que ao final sería o seu medio de vida. «Nunca soñara naquel momento que me puidera adicar profesionalmente a isto, pero así é, por sorte. É unha profesión moi bonita e moi agraciada», incide.

Jordi Lauren, asume que aínda que é «moi atrevido dar un consello», ten claro o que lle diría a aquel postadolescente que estaba a introducirse na industria musical: «Diríalle que, sobre todo, unha parte fundamental é a ilusión e manexar a frustración. Que non se marquen grandes obxectivos, grandes soños, senón que vaia gozando o día a día, que creo que a sociedade, ás veces vai tan rápido, que esquece que ten que desfrutar dese día a día», confesa.

Non oculta o feito de que o anuncio do concerto de J.Lo en Pontevedra causou sorpresa, como tamén a causou, tal vez en menor medida, o feito de que a cidade do Lérez albergue, apenas tres días despois, o BigSound Pontevedra. A isto engade o Fumega Fest que se desenvolverá no Parque do Pasatempo de Betanzos, ao que suma o feito de que «teremos unha sorpresiña nuns días, que tamén vamos a lanzar outra programación».

E todo isto dende un pobo de pouco menos de 12.000 habitantes como é Bueu. Por iso, Jordi Lauren considera que todo «é froito de moitísimos anos de traballo» que se reflicte nunha estrutura en Play Plan «de traballadores moi tremendamente cualificados e formados». Isto permítelles compaxinar a organización de concertos e festivais, co feito de levar as carreiras de artistas do calado de Tanxugueiras, Caamagno & Ameixeiras, Hugo Guezeta, Lode ou Sabela, entre outros moitos.

«Traballamos desenvolvendo carreiras. É a verdade é que é un orgullo ver como eclosionan, ver que ese desenvolvemento de carreiras, o fagamos nós ou outros compañeiros, eclosiona na programación deses festivais, creo que é o máis máxico, non? Ver como os artistas van evolucionando, van medrando e vanse complicando a vida, tamén, é unha parte moi bonita de organizar eses festivais», incide ao respecto.

Cuestión de escenarios

É habitual, case que una tradición, cando se fala cun promotor musical preguntar polas esixencias, proporcionais ou non, dos artistas. Neste punto, Lauren aclara que «todo hai que ponderalo. Non é mesmo o que che pide un grupo que congrega a trescentas persoas nun concerto nunha sala que un gran festival. Loxicamente os grandes festivais implican que os artistas traian máis infraestrutura, que os escenarios sexan máis complexos, e que todo sexa máis complexo».

Imaxe de arquivo da presentación do SonRías Baixas do 2013
Imaxe de arquivo da presentación do SonRías Baixas do 2013

Neste ámbito, alude a Urbano, «porque enche moito o escenario», ou Natos y Waor, que «a nivel técnico son máis complexos». En todo caso, asume que «a clave de todo isto é estar ben rodeado de compañeiros de viaxe para que todos estas peticións / necesidades se desenvolvan con facilidade».

De igual modo, é inevitable falar do recital de Jennifer Lopez, un concerto que non considera que sexa un punto de inflexión, senón «un fito máis. Moi emocionante, si, pero, ao final, vivimos de emocións en Play Plan coa música. Cada vez que abrimos portas é super emocionante. Abrir portas para mil persoas ou para decenas de miles, a sensación eu creo que é bastante parecida aínda que poida parecer dende fora que non. A emoción que se vive cando chega ese momento de invasión do público, ver as caras da xente emocionadas, correndo para coller sitio en primeira fila, creo que ese momento é máxico e non é cuestión de tamaño», resalta.

Pero, cando respira de alivio un promotor musical? Cando empeza un concerto ou cando remata e comproba que todo saíu ben? «A ver, tranquilo nunca, porque aínda que remate, queda recoller. Ao final sempre hai un punto de tensión ou de concentración para que non haxa ningún fallo ou minimizalos. Creo que aprendemos a vivir co noso día a día e non podemos tampouco tensionarnos demais. Insisto no anterior. Creo que a clave está en rodearse dun bo ou gran equipo de traballo ao redor para que todas as pezas e o engrenaxe que se poñen en marcha nun concerto ou nun festival funcionen axeitadamente», conclúe Jordi Lauren.