Conservas Alonso cae un 14,4 % lastrada pola marca branca e a falta de mexillón

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

BUEU

cedida

A compaña, que centralizou todas as súas áreas en Bueu, confía en recuperar as vendas e, de feito, os resultados a estas alturas xa superan os do ano pasado

25 oct 2022 . Actualizado ás 04:55 h.

Conservas Alonso é a conserveira en activo máis antiga de España. O ano que vén soprará 150 veas. E quere facelo totalmente recuperada do esvarón que a compaña tivo o pasado ano, cando cedeu un 14,41 % das súas vendas, para pechar o exercicio cunha facturación de 16,2 millóns de euros, fronte aos 19 do 2020. Claro que as contas dese ano incorporaban o efecto pandemia, ese que levou aos clientes a acaparar mercancía en previsión do que puidese ocorrer. Co regreso á normalidade, as cifras de venda volveron ás da época anterior ao covid 19.

Con esa desaparición das compras de atrincheramiento hanse confabulado outras dúas circunstancias para contribuír a desinflar as contas da conserveira que con sede en Bueu . Unha foi a saída parcial dun dos xigantes da distribución para os que Conservas Alonso fabrica latas con marca branca. O acordo coa compaña condicionaba a política co resto dos clientes, polo que se deixou de traballar unha liña de produto, aínda que «nunca se chegou a perder a relación comercial e, de feito, xa se recuperou», explica Miguel Cabado, director de mercadotecnia e desenvolvemento de negocio.

Materia prima

O outro tropezón veu dado pola escaseza de materia prima para fabricar unha das súas insignias, con permiso do bonito do norte: o mexillón. E non calquera, senón o que leva selo da DOP (denominación de orixe protexida). A menor dispoñibilidade o ano pasado de Mexillón de Galicia —certificouse un 8,5 % menos no 2021— pasou factura a unha compaña que ten «como política de produto un estándar elevado e unicamente emprega bivalvo certificado». Tanto na súa marca insignia, Palacio de Oriente, como na marca branca que elabora para boa parte das cadeas da gran distribución española.

A iso súmase o maior custo de aprovisionamento, dado que os prezos do bivalvo subiron de forma exponencial, segundo explican desde a compaña, o que obrigou a revisar á alza os contratos. Ademais, esas táboas non animan ao sector extractivo a comercializar os tamaños pequenos, que, explican desde Conservas Alonso, eran os que representaban maior volume de venda.

O outro lastre foi a lura. Fallos de subministración obrigaron, mesmo, a suprimir esta gama da variedade dalgunhas cadeas.

Pero se o resultado é «malo», non é, nin moito «unha situación dramática», apunta Cabado, que sinala que a empresa confía en recuperar a facturación «a pesar de todas as dificultades». Porque subiu «absolutamente todo: o aluminio, cartón, bonito, mexillón, lura, subministracións, luz, gas...» É, xa que logo, difícil, pero non imposible. De feito, segundo Cabado, as contas a estas alturas do ano están xa por amais do ano pasado.

A compaña, que tiña as súas oficinas en Vigo, concentrou todos os servizos en Bueu e busca agora unha saída para as instalacións propias que deixou libres na cidade.