
Os cero milímetros de auga recollidos este mes igualan cifras que non se vían desde xullo de 2020
27 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Ao mes de agosto máis seco desde que hai rexistros no concello de Pontevedra e a súa contorna quedan escasas horas. A última semana do mes traerá choivas e con elas un cambio na dinámica e unha baixada de temperaturas despois de tres semanas consecutivas sen ningún tipo de precipitación na cidade do Lérez ou municipios próximos.
Os datos que guindan tanto a estación meteorolóxica de Campolongo como a de Lourizán son esclarecedores. Cero milímetros de choiva recollidos nas últimas semanas, mínimo histórico do mes de agosto e que iguala datos anuais que non se repetían desde xullo do 2020. A referencia é a mesma se nos movemos á estación do porto de Marín e similar en Poio, onde ao estudar a gráfica na estación de Castrove vemos unha lixeira variación de 0,7 milímetros de choiva, dato igualmente en mínimo histórico para o oitavo mes do ano desde o 2001, ano desde o que se recompila esta información.
Como dato de referencia, o volume de precipitacións medio na estación de Campolongo desde que esta foi instalada no ano 2015 sitúase ao redor dos 34 milímetros. Cada milímetro de choiva recollido polo pluviómetro é equivalente a un litro de auga por metro cadrado. Cabe dicir tamén que, como norma xeral na comarca nos últimos anos, adoita ser o mes de xullo e non o de agosto as de menos precipitacións de media.
Prealerta por seca
Esta escaseza de choiva, sumada ás altas temperaturas propias deste mes do verán, afectou tanto á gandería como á agricultura e incluso a comezos do mes o Concello recomendou un uso moderado e responsable da auga ao estar a cidade nunha situación de prealerta por seca ante a baixada do caudal do Lérez.
Esta situación de alerta foi renovada hai escasos días e desde a Consellería de Medio Ambiente incluso solicitaron ao goberno local un reporte de datos sobre o consumo de auga, algo tamén reclamado ao resto de municipios da conca do Lérez afectados por esta situación: Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas e Sanxenxo.