O visitante que chegue á illa sorprenderase ante a nova perspectiva que se contempla desde o peirao
02 ago 2026 . Actualizado á 05:00 h.O visitante que chegue á illa de Ons (parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia) sorprenderase ante a nova perspectiva que se contempla ao desembarcar no peirao de Ou Curro. Posiblemente preguntarase quen será o enchufado que conseguiu que lle permitan facerse un chalé practicamente sobre a praia dAs Dornas e tamén sentirá certa perplexidade ante o despregamento de cemento e formigón e bloques de granito. Quizais o noso inxenuo visitante pense que determinadas cousas non se poden facer nun parque nacional, pero polo visto nalgúns, si.
O aparente chalé non é tal, senón a nova caseta de información (a anterior, que gustaba a todo o mundo, útil e funcional apenas necesitaba unhas tarefas de mantemento). O cúmulo de despropósitos desa polémica obra sobredimensionada e mal deseñada para a súa función é digno ser contado. Trátase dunha caseta de información, pero os mostradores de atención ao público, en contra da lóxica máis elemental, non están orientadas cara á zona de acceso á illa, por onde chegan os visitantes, senón cara ao norte, de maneira que desde o, punto de información non se poida ver o desembarco e a chegada de visitantes que, á súa vez, teñen que dar un incomprensible rodeo para conseguir chegar ao dito mostrador de información por unha galería estreita na que unha cadeira de rodas pasa moi xusta (se as persoas con mobilidade reducida queren acceder por unha zona máis ampla, o rodeo téñeno que dar polo outro lado), se non se renden antes ante a pendente aumentada que teñen que superar para chegar.
As fiestras deses mostradores, aínda por riba, eran de guillotina e dobre folla, dificultando desenvolver o servizo de información ao público (e aumentando a posibilidade de acabar como María Antonieta). Finalmente, polo menos, substituíron esas fiestras por outras dunha soa folla. É o único que se corrixiu. O emparedado posterior á zona de atención ao público tamén resulta inexplicable, especialmente polo seu efecto barreira. Conta ademais cunha falsa cheminea (un oco sen función algunha), un ollo de boi, este si orientado na dirección correcta, supomos que para que pareza un barco e un cuarto onde está un termo de auga que carece de fiestras, ventilación nin luz natural. O uso de chapas metálicas con capas illantes no tellado, que supomos que será cuberto con tellas, non parece encaixar moito cos materiais de arquitectura tradicional que se esixen aos insulars nas súas casas. A suma da nova localización sobreelevada sobre centenares de quilos de cemento, a súa orientación e o deseño dos seus accesos dificulta obxectivamente a súa accesibilidade e o seu uso, xustamente todo o contrario do que debería ser o seu obxectivo. É unha infraestrutura, moi cara, deseñada para que non teña utilidade. Contradí tamén o espírito da propia lei de costas que promove, e máis debería facelo nun parque nacional, retirar infraestruturas no litoral, non amplialas. Por certo, supomos que esta nova infraestrutura cumpre coa lei de costas. Pregúntaa pertinente sería: Como é posible que isto se faga nun Parque Nacional? Quen o consinta? A quen consultaron? Quen o supervise? Con esta obra, carísima, realizada con diñeiro público, os responsables do Parque Nacional conseguiron unha notable unanimidade: non lle gusta a ninguén: nin a quen terá que traballar nela, nin aos usuarios, nin aos ecoloxistas nin aos veciños da illa. E do incomprensible novo macropanel informativo na entrada á illa poderiamos falar outro día.