Santa Clara converterase en epicentro da creación contemporánea coa Bienal de Artes Vivas

A. Davila PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Iñaki Martínez y Rafa Domínguez en Santa Clara
Iñaki Martínez e Rafa Domínguez en Santa Clara SERGIO SUEIRO

A Deputación reforza a aposta cultural ocupando o espazo de tempo entre Bienais de Arte con esta nova aposta

18 dic 2025 . Actualizado á 20:04 h.

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer un novo impulso á súa estratexia cultural coa posta en marcha da Bienal de Artes Vivas 2026, un evento que transformará o convento de Santa Clara nun espazo de experimentación e creación durante os meses de verán. A iniciativa forma parte dun cambio estrutural que pretende converter a Bienal nun proxecto anual, alternando edicións de artes plásticas e artes vivas para garantir continuidade, estabilidade e unha presenza constante na axenda cultural da provincia. Este é un modelo que xa seguen algunhas das axendas culturais máis reputadas de Europa como a Bienal de Venecia ou a de Lyon.

O novo ciclo artístico arrincará o próximo mes de xullo cun cartel de artistas aínda por anunciar pero que desde a organización avanzan que será prometedor. A aposta pola cultura galega volverá estar presente e convivirá con outras voces nacionais e internacionais, algunhas delas inéditas á hora de expor os seus traballos en Galicia ou incluso en España. Será unha mostra de artes vivas concibida a «modo festival», é dicir, concentrada en dúas semanas de actos con cadencia practicamente diaria. Todos eles serán gratuítos.

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, explicou que esta reformulación responde á vontade de modernizar o modelo e situar a Pontevedra nunha posición máis destacada dentro do panorama artístico actual. Subliñou que a Bienal deixa de ser «un acontecemento illado» para consolidarse como unha plataforma permanente, con vocación internacional e capacidade para atraer novos públicos. Lembrou tamén o éxito do programa piloto de artes vivas celebrado o pasado verán, que evidenciou o potencial das prácticas performativas para activar espazos patrimoniais e fomentar a participación cidadá. «A idea é sexa moi potente», recalcou Domínguez sobre o novo proxecto para o ano próximo. E fíxoo, ademais, nun dos escenarios que serán usados para as diferentes representacións de artes vivas como é a igrexa do convento de Santa Clara.

A edición de 2026 estará dirixida polo comisario Iñaki Martínez Antelo, figura recoñecida no ámbito da arte contemporánea. O responsable avanzou que a programación combinará performance, danza, creación sonora, artes escénicas e propostas híbridas, todas elas concibidas para dialogar coa arquitectura e a memoria do Convento de Santa Clara, instalación da que se pretenden aproveitar os diferentes espazos máis aló da propia igrexa xa usada na mostra de arte deste verán. Destacou que o edificio ofrece un contexto singular, cargado de historia e en plena transformación, ideal para desenvolver proxectos que exploren a idea de acontecemento vivo e a relación entre arte e territorio.

Santa Clara, integrado no Museo de Pontevedra, atópase nun proceso previo á súa futura rehabilitación como espazo cultural. A Deputación confirmou que a actividade artística da Bienal convivirá cos traballos técnicos sen interferencias, convertendo o conxunto nun laboratorio temporal de creación contemporánea. Aínda que non se descarta a utilización de espazos externos ao antigo convento de clausura se algún artista así o demanda, a idea central é a de centrar toda a programación dentro do propio recinto conventual.

Bienal de Arte 2027

Xunto coa presentación da nova edición, a institución provincial anunciou a apertura inminente dun concurso público para seleccionar o comisariado da Bienal de Arte 2027, que será a 33ª edición da súa historia. O procedemento, baseado en criterios técnicos e de solvencia profesional, supón un cambio relevante na gobernanza cultural da Deputación, abrindo a porta a equipos curatoriales nacionais e internacionais e reforzando a transparencia na selección.

Domínguez destacou que o obxectivo é que a Bienal funcione «cos niveis de profesionalización e transparencia das grandes bienais europeas», apostando pola excelencia, a independencia artística e a proxección exterior da provincia.