Condénana por empurrar e berrar a unha sanitaria en Pontevedra e escribe da súa propia man aos xuíces para dicirlles que se equivocan
PONTEVEDRA
A muller protagonizou un altercado cunha auxiliar no hospital de Montecelo, á que lle recriminou que non houbese cueiros, e chegou a intentar arrincar as vías do paciente ao que acompañaba
17 dic 2025 . Actualizado á 15:51 h.A Audiencia de Pontevedra acaba de facer firme unha sentenza mediante a que se condena a unha muller por un delito de malos tratos leves a raíz duns feitos ocorridos no hospital de Montecelo. Esta persoa foi condenada tras ser denunciada por unha auxiliar de enfermería á que berrou e empurrou, golpeándose esta contra unha parede e unha cama. Unha das curiosidades do caso é que a muller denunciada escribiu da súa propia man aos maxistrados da Audiencia para dicirlles que se equivocan e dar a súa versión der os feitos. Non lle serviu de moito.
Todo ocorreu a tarde do 29 de agosto do ano 2024. Segundo quedo probado pola Xustiza, esa xornada, no hospital de Montecelo, unha muller que acompañaba a un paciente dirixiuse a unha auxiliar de enfermería de moi malos modos. «Alterada e berrando» recriminoulle que non había cueiros e empurrouna ata en dúas ocasións, golpeándose a profesional sanitaria nunha delas contra a mesa-bandexa da cama e posteriormente contra a parede. Eses golpes, afortunadamente, non chegaron a ocasionarlle lesións á auxiliar.
A profesional sanitaria denunciou a esta muller e, en marzo do 2025, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Pontevedra condenouna como autora dun delito leve de malos tratos. E impúxolle unha pena de tres meses de multa, cunha cota diaria de tres euros. É dicir, uns 270 euros de sanción en total.
A muller condenada non estivo de acordo coa pena imposta polo xuíz e, nun escrito da súa propia man, manifestou o seu desacordo coa condena e «invocou a súa propia versión dos feitos». A Audiencia non a creu e en cambio conferiulle credibilidade ao testemuño da denunciante, apoiado ademais por unha testemuña, unha celadora que presenciou os feitos. Ademais, a Audiencia sinalou que, aínda que a persoa denunciada negou o empuxón, «si recoñeceu que despois lle pediu desculpas, aínda que só porque intentara quitar as vías ao paciente ao que acompañaba, o cal evidencia, sen dúbida, o seu estado de alteración».
Por todo iso, a Audiencia de Pontevedra desestimou o recurso, é dicir, o escrito de puño e letra enviado pola denunciada, e fixo firme a sentenza condenatoria. Agora xa non cabe ningún recurso e, por tanto, a persoa que protagonizou o altercado no hospital terá que abonar eses 270 euros de multa que lle impuxeron.